Gussy, de Sarria, acada en Sevilla unha medalla de bronce na Liga Nacional de equipos de billar pool

O billarista sarriao Juan Pedro Durán, máis coñecido como Gussy, acadou en Sevilla unha nova medalla a nivel nacional. Nesta ocasión fíxoo na modalidade de pool e por equipos, formando parte do combinado que representaba á Academia de Billar Poolroom de Lugo.
A competición celebrouse en Sevilla entre os días 7 e 14 de xuño, nas instalacións do Club X Unites Sevilla, onde se disputou a fase final da 1ª Liga Nacional de Equipos. Ata alí chegou clasificado o equipo integrado por Diego Rey, Pablo Rey, César Vilarín e o propio Juan Pedro Durán (Gussy).
Unha vez na fase final, os lucenses demostraron o seu nivel competitivo e lograron subir ao podio, acadando a medalla de bronce. Este resultado outórgalles ademais a categoría de equipo Master para a próxima tempada, distinción reservada unicamente aos catro mellores equipos do ano.
Para o xogador de Sarria, esta non é unha medalla máis, senón que “ten un sabor especial ao habela conseguido ao lado de amigos”.