Histórico éxito da SD Sarriana: tres equipos de base alcanzan a final da Copa Deputación

SarriaXa
Infantil A, cadete e xuvenil disputarán o título na Cheda os días 23 e 24 de maio, algo nunca acontecido na competición provincial
premios-base-SD-Sarriana-2026
20 May 2026

A SD Sarriana conseguiu un fito histórico na Copa Deputación de fútbol base ao clasificar tres dos seus equipos —Infantil A, Cadete e Xuvenil— para as finais das súas respectivas categorías, un feito que o club destaca como sen precedentes na competición provincial.

Desde a entidade subliñan que nunca antes un mesmo club lograra situar os seus tres equipos de base nunha final no mesmo ano dentro da Copa Deputación, algo que interpretan como o resultado do traballo desenvolvido ao longo das últimas tempadas. Neste sentido, sinalan que os logros actuais non responden só ao esforzo desta campaña, senón a un proceso continuado de formación e consolidación da canteira.

No plano deportivo, o Infantil A enfrontarase ao Foz, o equipo cadete xogará contra o Viveiro e o xuvenil medirá forzas co Lourenzá. As finais disputaranse os días 23 e 24 de maio no campo da Cheda, en Lugo.

Desde o club destacan tamén a dificultade de competir no fútbol base actual, marcado pola saída de xogadores cara a canteiras profesionais, citando incorporacións a equipos como o CD Lugo ou o Deportivo, así como outras estruturas de referencia noutras categorías. Aínda así, valoran positivamente este contexto ao considerar que moitos xogadores regresan posteriormente ao club unha vez completada a súa formación.

A SD Sarriana pon tamén en valor o traballo realizado en todas as categorías de base, desde prebenxamín ata xuvenil, que está a dar froitos tanto a nivel deportivo como de recoñecementos individuais. Neste sentido, recentemente celebrouse unha cea na Reboleira con máis de 300 asistentes, entre xogadores, familias, adestradores, socios, patrocinadores e representantes institucionais, na que se entregaron premios aos futbolistas máis destacados de cada categoría en apartados como mellor xogador, líder de equipo, regularidade e evolución.

Ao acto asistiron representantes do Concello de Sarria, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, que quixeron acompañar ao club neste recoñecemento ao seu labor formativo e deportivo.

0.1242949962616