Huhú clausura a exposición 'PALESTINE. HERE AND THERE' e presenta o décimo número de 'Macheta'

A Asociación Artístico-Cultural Huhú de Sarria clausurará este sábado, 10 de outubro, a exposición 'PALESTINE. HERE AND THERE' e presentará o décimo número do fanzine 'Macheta', nunha xornada que terá lugar a partir das 19:00 horas na SEDE-Núcleo Difusor de Arte Contemporánea de Sarria.
A mostra, inaugurada o 25 de xullo e comisariada por Paula Parente Pinto, reúne traballos de Ahlam Shibli, Aref Massalha, Fatma Hassona, Mohamed Harb, Monther Jawabreh e Rehaf Al Batniji. A través da fotografía, o vídeo, o cinema documental e o arquivo, a exposición aborda cuestións como a memoria, a identidade, o territorio, o desprazamento e a resistencia na realidade palestina contemporánea.
'PALESTINE. HERE AND THERE' contou co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Concello de Sarria, a Rede Museística Provincial de Lugo e a Fundação Calouste Gulbenkian.
A programación continuará coa presentación de 'Macheta 10. Canto peregrino', a nova entrega do fanzine nacido en Sarria a finais dos anos noventa e recuperado pola Asociación Artístico-Cultural Huhú despois de máis de dúas décadas sen publicar.
O décimo número reúne 55 colaboracións de diferentes ámbitos e xeracións, con achegas realizadas a través da escrita, o debuxo, a fotografía, o cómic, a apropiación gráfica e outras formas de creación e intervención editorial.
A presentación terá lugar o 10 de outubro, coincidindo así co décimo número da publicación. 'Macheta' mantén nesta nova etapa o seu carácter aberto, colectivo e independente, como un espazo de encontro entre persoas e propostas creativas diversas.