Ibon Aranberri presenta en Sarria a súa primeira exposición individual en Galicia

O Centro de Arte FMJJ e a Trienal Sarria inaugurarán o sábado 5 de decembro, ás 16:00 horas, 'As festas i os traballos', a primeira exposición individual en Galicia do artista vasco Ibon Aranberri (Itziar-Deba, Guipúscoa, 1969), un dos creadores máis recoñecidos da súa xeración e gañador do primeiro Premio Fundación MACBA. A mostra, comisariada por Susana González, directora do Centro de Arte FMJJ, poderá visitarse de balde en A Sede – Núcleo Difusor de Arte Contemporánea ata o 13 de marzo de 2027.
A exposición, promovida pola Asociación Cultural Huhú de Sarria, recupera un proxecto que Aranberri concibiu en 2007 para a montaña lucense, pero que nunca chegou a materializarse. A iniciativa xurdiu da súa participación en 'A trama rururbana', unha investigación colectiva sobre as relacións entre o rural e o urbano desenvolvida en Santiago de Compostela. Naquel momento, o artista buscou o contrapunto da cidade nos territorios rurais máis afastados e chegou á montaña de Lugo, onde estudou as alzadas, construcións de uso agrogandeiro compartido situadas en montes veciñais en man común.
A súa proposta consistía en substituír unha destas estruturas de madeira por outra de idéntica xeometría realizada en aceiro inoxidable. Porén, a intervención non se executou e tampouco se celebrou a exposición individual que estaba prevista daquela no CGAC. Máis de dúas toneladas de pezas de aceiro, cortadas para o proxecto, permaneceron almacenadas en Bilbao durante case vinte anos.
Aranberri continuou visitando e fotografando o territorio e retomou a investigación en 2025, durante a súa residencia artística no Centro de Arte FMJJ, desenvolvida en colaboración coa Universidade da Coruña e NORMAL. As pezas chegaron a Galicia na primavera de 2026 para o seu procesamento final e agora exhíbense na nave principal de A Sede, desmontadas e sen reconstruír a cuberta que estaba proxectada. A instalación complétase con dúas vitrinas que reúnen documentación sobre a orixe da intervención.
A exposición esténdese tamén á planta superior do edificio, que se abre ao público por primeira vez. Alí poderase contemplar medio cento de follas de contacto con fotografías analóxicas realizadas entre 2007 e 2026, nas que se recollen arquitecturas, aldeas, actividades agrogandeiras, paisaxes e procesos produtivos do territorio.
A proposta incorpora ademais un elemento vencellado á identidade festiva de Sarria: os moldes de escaiola das Pampónigas, os xigantes e cabezudos das festas da vila, cedidos pola Asociación Cultural Crearte e colocados sobre unha plataforma circular de seis metros de diámetro. Un deles protagoniza o cartel da exposición.
Unha vez clausurada a mostra, está previsto que os elementos de aceiro regresen ao contorno rural para o que foron concibidos, onde poderán recibir novos usos.
'As festas i os traballos', producida pola Asociación Artístico-Cultural Huhú no marco de 'Arquipélago Interior', primeiro ciclo da Trienal Sarria, conta co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Centro de Arte FMJJ e o Concello de Sarria.