Impulsan un novo obradoiro de emprego en Láncara, Paradela e Samos

A Xunta de Galicia destina 454.500 euros ao financiamento do obradoiro dual de emprego Os Soutos II, unha iniciativa promovida polo Concello de Láncara en colaboración cos Concello de Paradela e Concello de Samos. O programa permitirá formar durante nove meses a unha vintena de persoas desempregadas, combinando aprendizaxe teórica e práctica con experiencia laboral real.
A directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Lugo, Carmen José López, participou este mércores no acto de inicio do taller, que ofrecerá formación en dúas especialidades. A primeira delas será Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, na que participarán 14 alumnos e alumnas. A segunda corresponde a Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, con seis persoas inscritas.
Este tipo de obradoiros teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes mediante unha formación que combina coñecementos teóricos e prácticos coa realización de traballos de utilidade pública nos municipios implicados.
No marco deste proxecto desenvolveranse diversas actuacións de acondicionamento e mellora en espazos públicos de Láncara, Paradela e Samos. No caso de Láncara, os traballos centraranse no acondicionamento do paseo do ferrocarril, unha actuación orientada á mellora deste espazo de uso veciñal.
En Paradela, as intervencións incluirán actuacións nos miradoiros da Adega dos Penegos, Cabo de Vila e Santa Marta, ademais de melloras nos exteriores do colexio público e na parcela destinada ao mercado municipal.
Pola súa banda, en Samos, está prevista a renovación de beirarrúas tanto no casco urbano como no núcleo de Castroncán para favorecer a accesibilidade. O programa contempla tamén actuacións de mellora en dúas fontes e traballos de mantemento no CEIP do municipio.