Inaugurada a exposición 'O lexicón freático', a nova proposta da Trienal cunha edición limitada única
A Asociación Cultural Huhú inaugurou 'O lexicón freático', a exposición central do cuarto bloque expositivo da Trienal Sarria, unha proposta que vai máis alá do formato expositivo tradicional ao funcionar tamén como ferramenta conceptual interpretada polos artistas e como peza editorial singular.
Trátase dunha publicación de edición limitada a 500 exemplares numerados manualmente e impresos con tipo de chumbo, o que a converte nunha auténtica xoia bibliográfica.
A iniciativa reúne traballos de Bárbara da Fonte, Clo Plas, João Vasco Paiva, Salvador Cidrás e Víctor López, realizados na súa maior parte de maneira específica para este contexto. O proxecto toma forma no propio espazo de A Sede – NDAC, situado nun complexo industrial semiabandonado entre un río e as vías do tren, un emprazamento marcado por fluxos constantes e condicións materiais cambiantes que inflúen directamente no proceso creativo das pezas.
Durante a inauguración, á que asistiron numerosas persoas, o público puido achegarse ás propostas artísticas dos creadores participantes e gozar tamén de intervencións en directo, entre elas unha performance de Bárbara da Fonte e un concerto de Clo Plas, que contribuíron a reforzar o carácter vivo e dinámico da mostra.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 6 de xuño, tempo durante o que a organización agarda seguir recibindo visitantes interesados nesta proposta que combina creación contemporánea, reflexión conceptual e experimentación editorial.