Iván Barja, da asociación AC/RC: “É unha actividade que serve para desconectar do mundo”
Por Jessica Fernández
Como xorde esta asociación?
Xorde da idea de catro amigos aos que nos gustaban os coches radiocontrol. Con esa afección, faciamos quedadas os domingos nun circuíto que montamos nós na antiga canteira de Treilán. Un día dixemos “por que non facemos unha presentación no pobo a ver se hai máis xente afeccionada”, e así fixémolo e coñecemos a xente que se dedicaba ao mesmo. Así, agora somos 12 persoas entre os cinco que formamos a asociación, máis xente de Lugo e desde o día que fixemos a presentación no pobo, uníronse outras 15 persoas.
En que consiste o radio control?
O radio control non é un xogo de nenos, porque os coches non son coches teledirixidos de plástico, son de 300 ou 400 euros e cara a arriba, e o que facemos con eses coches é escalar con eles zonas do monte e do circuíto. Hai coches de diferentes modalidade: de correr, de pista, de drift como os de ‘A todo gas’ todoterreos, buggies, deportivos, avionetas, barcos… Hai de todo. O que pasa é que estes coches permiten ter o chasis por un lado e a carrocería por outro, polo que podes ter varias carrocerías para o mesmo coche. E a todos os coches podes facerlle melloras de motor, de rodas.. como se fora un coche normal. Nós traballamos con baterías Lipo, xa que antes levaban emisoras de cristal, pero agora traballan por frecuencia 2.4G; que para que nos entendamos é como o bluetooth, entón a certa distancia traballan e cando perde a sinal o coche fréase, antes quedaba acelerado. Pero os coches poden ir ata os 140-160 km/h.
O noso obxectivo é dar a coñecer este tipo de afección e tamén coñecer xente que se dedique a isto, porque hai veces que non sabes de xente que se dedica a iso e está ben sabelo para poder facer quedadas.
En que circuítos se poden facer estas quedadas?
En Lugo hai unha pista na zona de Frigsa e alí nós levamos os nosos coches crawler, que non son para correr, senón que é un coche pequeno que ao grande, e pasamos un bo rato. Aquí en Sarria temos o circuíto que montamos nós no monte de Treilán e na propia vila de Sarria temos o campo da feira, aínda que nós fixemos a presentación da nosa asociación na praza da Vila, que se encheu de xente, o que nos sorprendeu moito, porque non contabamos con tantas persoas. Desta maneira, as persoas que tiñan esta afección, como nós, pero o facían en sitios privados, agora saben que se pode facer de maneira conxunta. Ademais, non só viñeron persoas de Sarria, senón tamén de Lugo, Ourense a Coruña.
Cales son os beneficios desta actividade?
Nós estamos moi contentos con esta actividade, xa que vimos na presentación como se unían pequenos e maiores para probar os coches, como un señor de arredor dos 70 anos de Lugo que vén con nós a correr os coches.
É unha actividade que serve tamén para desconectar do mundo, porque todos estamos enganchados ao móbil e ás consolas, pero nós queremos pasalo ben así e desconectando dos problemas e do traballo… é o que nos fai ser o que somos, todos nos levamos ben e todos decidimos todo entre todos.
Cales son os proxectos de futuro?
Vai haber sorpresas cara ao ano que vén, cousas importantes que seguramente se fagan en Sarria e que suporán un incentivo para a vila, xa que atraerán xente. Ademais, temos a colaboración do Concello de Sarria, xa que todo o que pedimos nolo dá, e cos fondos que ten a asociación queremos usalos para facer eventos.
Non podemos desvelar moito máis, pero queremos poñer en valor que o circuíto en Treilán montámolo nós e a limpeza do monte fixémola nós durante os últimos dous anos e incluso pagamos do noso peto que sacaran todo o lixo acumulado que había. Estamos moi agradecidos cos comuneiros do monte de Treilán, que nos deixaron a canteira e por iso coidamos ese lugar. Tamén pola mesma razón queremos pedirlle á xente que non tire lixo alí, que non ensucie; xa puxemos carteis, pero pedimos por favor que coiden o medio ambiente.