Jaime Paz, novo adestrador da Sarriana: "O meu obxectivo é conseguir que o equipo estea onde debe estar, en 2RFEF"

SarriaXa
O técnico, formado na canteira do Deportivo da Coruña e con experiencia no fútbol chinés xunto a Quique Setién, regresa á Ribela, onde xa traballou en 2024, coa intención de repetir o ascenso e devolver o conxunto de Sarria á Segunda RFEF
Jaime Paz SD Sarriana
21 Nov 2026

Jaime Paz Piñeiro asumiu o cargo de primeiro adestrador da SD Sarriana, que compite en Terceira RFEF, co obxectivo de devolver o equipo á categoría que considera que lle corresponde. O técnico regresa a un club no que xa estivo entre xuño e decembro de 2024, antes de incorporarse ao corpo técnico de Quique Setién como segundo asistente no Beijing Guoan FC, da Superliga chinesa. Alí foi responsable da análise táctica do equipo e do deseño de estratexias ofensivas e defensivas nas accións a balón parado.

O seu regreso a Sarria chega con ilusión e cun propósito claro: "Veño con moitas ganas porque sempre é bonito volver a un lugar onde te queren. Hai dous anos a experiencia foi moi positiva e a verdade é que veño coa idea de repetir o de hai dous anos e conseguir que o equipo ascenda", explica o adestrador, que non esconde a súa ambición de alcanzar a Segunda RFEF.

Paz recoñece que incorporarse a un equipo coa tempada xa iniciada, na xornada 12, supón un reto engadido. Porén, parte coa vantaxe de coñecer boa parte do cadro de xogadores. O técnico admite que dispoñer dunha pretempada facilitaría a implantación do seu modelo de xogo. "Coller un equipo na xornada 12 non é o que nos gusta aos adestradores. Ao final todo o traballo de pretempada é o que vai sumando semana a semana, o que realmente xera un pouco máis de confianza e tranquilidade", apunta. Porén, recoñece que "teño a sorte de que coñezo rapaces que estiveron en categorías profesionais nas que eu traballei ou por ter competido contra eles", sinala.

En canto á composición do equipo, Paz considera que sería conveniente reforzar o lateral esquerdo, unha das posicións nas que detecta máis necesidades. "Fai falta un lateral esquerdo porque só temos a Alex Cabarcos e contamos con xogadores do filial", recoñece. Non obstante, móstrase satisfeito co grupo que atopou e destaca tanto o potencial dos máis novos como a implicación dos futbolistas con máis experiencia. "Estou moi contento, a verdade. Os rapaces teñen moito talento, moitas ganas de ser profesionais, recibíronme con moita enerxía e espero que se manteña ata o final", engade.

Por outra banda, explica que a súa proposta futbolística require tempo: "A idea que teño de xogo necesita traballo, moitos conceptos, moita concentración, polo que polo de agora non lles podo esixir moitísimas cousas, pero si axudalos a facilitarlles o traballo no partido". O seu método pasa por centrarse no traballo cotián e non perder de vista que os obxectivos se constrúen xornada a xornada. "Eu son da mentalidade do día a día e, para construír cousas boas e conseguir obxectivos grandes, tes que ir día a día", afirma. Para el, os encontros tamén forman parte do proceso de aprendizaxe: "Os partidos son un día máis de adestramento no que compites con rivais que ou che quitan puntos ou llos quitas ti". Por iso, insiste en que "o máis importante é que os xogadores teñan en conta que o luns é tan importante como o domingo".

Unha categoría esixente e un campo que pode favorecer a súa proposta

O novo adestrador da Sarriana tamén coñece as dificultades dunha Terceira RFEF cada vez máis competitiva. Ao seu xuízo, a preparación dos técnicos e a organización dos equipos elevaron o nivel dunha categoría na que cada partido presenta as súas propias complicacións. "É unha categoría moi complicada porque os adestradores cada vez están máis preparados, os equipos están máis organizados e os campos non son campos onde o balón rode perfectamente", explica.

No caso do estado do terreo de xogo da Ribela, este pode converterse nun aliado. O adestrador aprecia unha mellora importante tras as obras de reforma do estadio, que permitirán ao equipo desenvolver o seu fútbol en mellores condicións. "O salto de calidade é moi grande. Antes competiamos nun campo máis pequeno e onde o céspede non era o mellor para un equipo que propoñía o que propoñiamos nós e, aínda así, o equipo era capaz de impoñerse e facer as cousas que traballabamos, así que en teoría o campo novo debería beneficiarnos máis", valora. Porén, advirte de que as novas instalacións non garanten por si soas os resultados: "Non podemos quedar con iso, senón traballar e demostrar que somos mellores".

Por iso, Paz considera que a igualdade será unha das características da competición, polo que confía en que a Sarriana poida diferenciarse a través da súa proposta futbolística. "É unha categoría moi igualada e, se somos capaces de marcar un pouco a diferenza co modelo de xogo, estaremos máis preto de gañar", sostén.

Máis alá das cuestións deportivas, o regreso de Jaime Paz está marcado polo vínculo que mantén con Sarria e coa provincia de Lugo. O técnico asegura sentirse respaldado pola afección e considera que ese cariño é un factor importante para desenvolver o seu traballo. "Síntome moi querido aquí, creo que a xente me aprecia moito, que me respectan un montón e iso dáche unha garantía e unha confianza para poder desenvolver o teu traballo", afirma.

A súa relación coa provincia vén de atrás, desde os seus anos de formación na canteira do Lugo, unha etapa que lembra con especial afecto. "Eu sempre dixen que Lugo era como a miña segunda casa porque os anos que pasei na canteira do Lugo tamén foron incribles, e agora diría que Sarria é como a miña segunda casa", explica.

Por iso, o seu regreso á Ribela ten tamén un compoñente persoal. Paz non oculta cal sería a súa maior satisfacción ao remate desta nova etapa: "Non hai cousa que máis me gustaría que conseguir que Sarria volva a onde creo que debe estar: en 2RFEF". Un obxectivo ambicioso que o novo adestrador quere comezar a construír desde o traballo diario e coa ilusión de repetir o éxito da súa anterior etapa no club.

0.15068078041077