Jandro completa o cartel do XXI Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria

O XXI Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, que se celebrará entre os días 20 e 23 de agosto, xa ten pechado o seu cartel coa confirmación da participación de Jandro López, un dos ilusionistas máis recoñecidos do panorama nacional e internacional.
O mago, guionista e presentador español participará por primeira vez no festival sarrián. Ao longo da súa traxectoria acadou un importante recoñecemento grazas ás súas aparicións en televisión e converteuse no único ilusionista que logrou vencer en seis ocasións no prestixioso programa Fool Us, presentado polo mítico dúo Penn & Teller en Las Vegas.
O director do festival, Roberto Lolo, mostrou a súa satisfacción por poder contar con Jandro nesta edición e destacou o esforzo realizado polo artista para incluír Sarria na súa axenda. Segundo explicou, "non podo estar máis agradecido polo enorme esforzo que vai facer por estar en Sarria, algo que di moito da súa amabilidade como persoa e da humildade e facilidades que transmite no trato".
Lolo cualificou a Jandro como "un auténtico exemplo", tanto polo seu nivel profesional como pola súa calidade humana. Ademais de lembrar os seus seis premios Fool Us, puxo en valor a súa longa etapa no programa El Hormiguero, onde semanalmente sorprendeu ao público coas súas creacións máxicas e o seu característico humor.
O organizador tamén salientou a faceta de Jandro como produtor e director de diferentes proxectos e asegurou que a súa presenza será "un auténtico agasallo" para o público do festival. "Quédome coa súa vontade de estar aquí por primeira vez e coa súa infinita amabilidade e trato próximo e agarimoso. Non podo pedir máis. Os desexos na maxia, ás veces, si se cumpren", concluíu.