Javier Núñez, director do taller Ponte de Areas VI: “Fixéronse rehabilitacións importantes para un Concello pequeno como o é O Páramo”

SarriaXa
Por Jessica Fernández Cerdeira.
Vivenda de Piñeiro, casa do cura O Páramo
23 Dec 2023

Por Jessica Fernández Cerdeira.

Falamos con Javier Núñez Núñez, arquitecto técnico que foi, desde novembro do ano 2022 e ata este novembro de 2023, o director técnico do taller de emprego Ponte de Areas VI dos concellos do Páramo, do Corgo e de Guntín.

O Concello do Páramo foi o promotor do obradoiro que se desenvolveu durante este ano e que contou cunha axuda de 503.987 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

A través deste obradoiro, explica Núñez, 20 alumnos e traballadores, 7 de Páramo, desenvolveron diversas actuacións de rehabilitación, mellora e, “a grosso modo, accións de albanelaría en diferentes espazos do Páramo, de Guntín e do Corgo”, defende.

Rehabilitacións

Concretamente, rehabilitáronse edificios públicos, como o antigo edificio da cámara agraria do Páramo para dispoñer de oficinas e servizos sociais na súa planta baixa, pero tamén pontes e casas.

Unha das obras máis importantes, segundo o arquitecto foi a rehabilitación da casa reitoral, é dicir, a casa do cura, na parroquia de Piñeiro do Páramo co fin de crear vivendas para casos de emerxencia social. Esta obra foi unha “rehabilitación integral exterior e interior”, tal como o define o director do taller, “mais aínda queda a segunda fase de traballos instalación de electricidade e fontanería no interior”, sostén.

Por outra banda, tamén se fixeron varias fontes no municipio do Páramo. En concreto, rehabilitouse unha no lugar de Ardeverde e outra en Beleigán, así como a fonte da praza do Páramo diante do centro médico.

Que beneficios ten este obradoiro para o alumnado?

Os 7 alumnos do Páramo que participaron do obradoiro recibiron formación teórica e práctica de albanelería, fundamentalmente, pero tamén aprenderon a desenvolverse nun traballo manual e facer todo o requirido para a rehabilitación dun espazo público.

Ademais, na parte teórica teñen uns módulos transversais que lles axudan a saber como buscar emprego, a dominar a informática, aprenden sobre seguridade ambiental... E todo iso remata coa entrega dun certificado de profesionalidade, que acredita que teñen as capacidades necesarias para desenvolver o traballo.

Neste obradoiro, tamén contan cun contrato de aprendizaxe, de prácticas, e cobran o salario mínimo, polo que non só se lles dá formación, se non tamén se lles compensa polo seu traballo de forma económica, polo que é un curso moi completo que quen queira o pode aproveitar ben.

A xente aproveita o taller e sae contenta?

Depende. Estes programas deberían filtrar máis á xente, xa que é un taller aberto a persoas desde os 18 ata os 65 anos e hai xente que o aproveita máis ca outra. En xeral, os que son máis vellos que non prestan atención e non aproveitan o obradoiro como deberían.

Pola contra, unha persoa de 23 anos ten unha ansia distinta a unha persoa maior e moitas veces queren facer máis cousas, pero o clima apático contaxiase e é máis difícil.

Porén, estamos contentos co desenvolvemento do taller. Fixéronse obras importantes que se fan en concellos pequenos, polo que as actuacións que se fan, como reparar pontes e edificios públicos, é interesante.

Ademais, estes programas son necesarios para formar a xente, xa que é necesario ter xente formada nun mundo no que cada vez hai menos xente formada en ámbitos do traballo como estes, e esta é unha saída moi boa.

Como cre que vai ser este ano o novo taller de emprego?

Este ano eu non vou participar no taller de emprego, xa que está promovido polo Concello do Corgo, pero será como os anos anteriores: formará a 20 persoas ao longo dun ano e este ano creo que as actuacións no Páramo serán a rehabilitación das beirarrúas; mentres que no Corgo rehabilitarase o campo da igrexa e unha escola en Lousada.

Vivenda de Piñeiro, casa do cura O Páramo mal
Fonte Ardeverde O Páramo
Fonte da praza do Páramo
Fonte de Beleigán O Páramo
0.15853095054626