Jose Quiñoá, presidente da Unión: “Manter unha sociedade é difícil, por iso hai que adaptarse aos tempos”

SarriaXa
Jose Quiñoá, presidente da Sociedade Cultural La Unión desde o ano 2008, e Ascensión Romero, directora de Cantareiros, falan das actividades e dos proxectos que se fomentan na entidade
Ascensión-Romero-e-Jose-Quiñoá-La-Unión-Sarria
24 Dec 2024

Por Jessica Fernández

“Este ano 2025 hai que renovar a directiva e a min gustaríame que viñera alguén máis novo e con ilusión para facer cousas pola Unión”. Así comeza o presidente, José Quiñoá, que leva 16 anos dedicado a mellorar unha entidade con 105 anos de historia na vila de Sarria.

“Cando eu cheguei estaba todo desfeito, custounos moito poñer de novo a Unión no lugar que merece, arranxar todos os desperfectos, cambiar os cristais que podían provocar un accidente, mellorar as galerías, poñer un ascensor, mellorar os xardíns, converter a carpa nun lugar axeitado para organizar eventos... custou moito esforzo, traballo e diñeiro por parte da Sociedade e tamén de subvencións da Deputación de Lugo, pero agora podemos presumir dun edificio moi digno para Sarria, só nos queda poñer un acceso ao edificio para persoas con mobilidade reducida”, defende o presidente, que aínda ten ilusión por poñer en marcha proxectos na entidade, aínda que cre que un cambio “pode vir ben tamén. Era conveniente que entrara alguén novo porque sempre que se entra de primeiras nun sitio, faise con moita ilusión”.

A isto, a directora da actividade Cantareiros, Ascensión Romero, contéstalle que “a túa ilusión vale por todos” porque grazas a el, di, “puxéronse en marcha moitísimas actividades”, pero recoñece que “dá moito traballo”. Así, Quiñoá sostén que “se está aquí, é para estar, senón, non esteas”, polo que pide que, de haber algunha persoa interesada na dirección da Unión, debe estar comprometida.

Por iso, valora a evolución da Unión, na súa etapa como presidente, como “moi boa”, porque antes había un “abandono físico e tamén psicolóxico. A xente estaba desmotivada e nin sequera podían entrar aquí os nenos. A min, encántame que os nenos estean na Unión, por iso nas primeiras festas que organizamos, poñiamos un monitor para que os pais puideran cear e os nenos puideran desfrutar”, explica Quiñoá.

Hai que darlle continuidade á Unión. Se os nenos veñen e están aquí, logo serán maiores e seguirán sendo parte da Unión, traendo aos seus fillos tamén aquí”, argumenta Ascensión Romero. En xeral, di o presidente, “tivemos sorte e acertamos, adaptámonos ás circunstancia actuais e escoitamos o que demanda a sociedade, que son actividades e servizos. Por iso, instalamos mesas de billar, mesas de ping pong, bambáns... ás veces non sabemos o que pode dar resultado, pero hai que ir probando”.

As actividades que se ofertan na Unión

Así, cando José Quiñoá chegou á presidencia, e analizando esta necesidade de actividades na vila, implementou clases de baile a través dunha rapaza de fóra de Sarria que veu á vila e que propuxo dar as clases ela na Unión, “coa sorte de que foi todo un éxito. Deu baile de sevillanas, ximnasia, pilates, ioga... Logo impartíronse clases de billar, de xadrez... Agora, ademais, estase facendo zumba, karate, pandeireta, o grupo de cantos de taberna, agora chamámoslles Cantareiros... con eles empezamos a cantar e saiamos a outros lugares para participar nas súas festas e con iso empezouse a animar a xente e agora seremos 30 persoas que participan dos cantos de taberna, pero non podemos saír por aí porque máximo poden ser 10 persoas cantando nun local, non collen”, sostén.

Pola súa parte, Ascensión Romero pon en valor as instalacións da Unión, xa que “os socios poden vir xogar ao xadrez e utilizar as mesas de billar, poden vir tomar algo e falar, poden vir á Biblioteca que temos, e en verán pódese desfrutar dos xardíns, dos bambáns... coa cota de 15 euros mensuais por familia que hai que pagar á Unión pódese desfrutar de todo isto e de todas as actividades que se ofrecen”, pon en valor.

Ademais, engade o presidente, que tamén hai cine na Unión: “Xa que non temos un cine en Sarria, os domingos estamos proxectando, coa colaboración da Deputación Provincial unha serie de películas do Mestre Mateo para todas as persoas, que neste caso non fai falta que sexan socios da Unión; é unha actividade aberta para toda a sociedade de Sarria. Encantaríanos que viñera a xente e que nos coñecera e, despois, se o ve ben, que se faga socia”. E Romero destaca que a implicación coa Unión non só debería vir da sociedade en xeral, se non sobre todo dos socios, que son máis de 500. “Necesitamos que os socios se impliquen máis e que propoñan iniciativas novas para seguir mellorando. Estamos ávidos de que veña xente nova e propoña cousas que igual se nos escapan”, defende.

Colaboración con outras entidades

“A nosa filosofía é gastar os cartos para os socios e ás veces contamos coa axuda do Concello de Sarria, da Deputación ou da Xunta para facer actividades para toda a sociedade, como concertos, actuacións de festivais... viñeron moitos grupos patrocinados polo Concello e esas cousas son abertas para todo o público. Tamén o día de San Xoán, o día 24 ábrese a Unión para facer unha sesión vermú na que participan miles de persoas”, explica o presidente da Unión.

Ademais, desde a Sociedade La Unión colaboran con outras entidades, como Cruz Vermella, asociacións do Camiño de Santiago... “Ás veces pídennos o local para facer eventos”. E Quiñoá destaca que a colaboración tamén vai da man das asociacións de Sarria, facendo partícipes aos demais da Sociedade La Unión. “En San Xoán vén actuar a Asociación Meigas e Trasgos e tamén actúa aquí ás veces a Banda de Música de Sarria. Este ano que entra esperamos que poida vir tamén a Banda da Comarca de Sarria á Unión. Ademais, no verán facemos sesións vermú ou en inverno ás veces facemos pequenos concertos da man de bandas de Sarria”, sostén o presidente.

Co Concello, ademais, teñen un convenio, xa que ao ter ao lado a Capela do Marqués ás veces organizan vodas desde a Unión para socios; mentres o Concello de Sarria tamén pode usar a Unión para as actividades que vexan convenientes.

Destacan tamén a colaboración da Deputación de Lugo, a través da cal obtiveron unha axuda de 10.000 euros para adquirir un equipo de son para que os grupos que vaian actuar á Unión poidan facelo de maneira que as persoas desfruten de dito sistema de son. Desta maneira, desde a Unión promóvese que veñan á Unión todos os grupos de música de Sarria. “Queremos promover que, coas instalacións que temos e con este sistema de son, todos os grupos de Sarria que queiran actuar na Unión, poidan facelo, e que sexa concertos aos que poidan asistir tanto veciños como todas as persoas interesadas”, explica Quiñoá.

Porén, tamén necesitan axudas. “Pedímoslle á Xunta de Galicia unha subvención para poder ampliar a nosa biblioteca, xa que tivemos unha doazón de dous mil e pico de libro e queremos dotar a este espazo de comodidades para poder albergar os libros de maneira de que poidan conservar lonxe de humidades e o seu mantemento”, explica o presidente.

Proxectos de futuro

Os proxectos a longo prazo da Unión son, ademais da próxima renovación da directiva, “seguir como ata o de agora, organizando actividades diversas e adaptarnos ao que nos pidan os socios, xa que sempre estamos abertos a propostas e queremos seguir na liña que puxemos en marcha no ano 2008, mellorando a Unión e tamén a vida dos veciños”. Así, destacan o Entroido que se fai na Unión, que conta xa con moita tradición e é o seguinte evento no calendario da Unión, o primeiro do 2025. “Aquí o Entroido é inmenso, vén moitísima xente”, explican.

Tamén se fan ceas e bailes para os socios durante o ano, “promovendo a convivencia entre os socios e que cada vez haxa máis xente na Unión para o ben de todos, xa que a Sociedade é dos socios e as instalacións mantéñense grazas ás cotas familiares dos socios, que é un prezo simbólico, xa que entran todas as actividades, as festas...”, explica Ascensión Romero. Así, o presidente engade que tamén se fai e se quere seguir facendo unha festa aberta ao público o segundo sábado de agosto ‘Interxeracións’, e tamén pon en valor a cea de gala do San Xoán. Ademais, destaca que este ano a Unión acolleu unha xornada de Batalla de Galos na que se entregaron premios aos participantes, e queren seguir promovendo estas o ano que vén. E tamén pon en valor a importancia das conferencias e das presentacións de libros na Unión, convidando, incluso, á xornalista, a presentar un libro no caso de que quixera publicar unha obra no futuro.

“Hai moitas sociedades en Galicia que pecharon, pero nós seguimos activos porque propoñemos actividades e festas, colaboramos con todas as institucións e con todas as asociacións, así como con grupos de música ou doutro tipo que queiran facer algo aquí. Manter unha sociedade é difícil, pero tes que adaptarse aos tempos e ao que quere á xente”, defende Quiñoá.

Pola súa parte, Romero subliña que hai moita xente de Lugo que vén á Unión porque en Lugo non atopa un lugar con tantas actividades. “En Lugo teñen os espazos, pero non teñen a iniciativa que temos en Sarria”, sostén a directora de Cantareiros.

Con todo, o presidente di que, como proxecto de futuro teñen xa un convenio establecido coa Deputación de Lugo para subvencionar un equipo de proxección para poder visualizar de maneira máis óptima os filmes que se proxectan na Unión. “Potenciar o cine e ter mellor calidade de proxección, así como o son que xa temos, permitirá que poidamos incluso promover o cine do verán, que antes da pandemia se facía no mes de xullo, ao que viña moita xente. É darlle posibilidades á xente para que desfrute da Unión”, explican.

Finalmente, o presidente da Unión comenta que outra das necesidades de futuro é mellorar os xardíns, xa que teñen máis de 4.000 metros cadrados “e hai que mantelos”, explica. Só en arranxar unha árbore gastaron máis de 2.000 euros. “Nós temos que certificar que as árbores e os xardíns están en bo estado. Os terreos hai que reacondicionalos, adecualos e poder poñer unhas mesas, unhas árbores, e poder ter unha cousa bonita para desfrutar da paisaxe. Temos que ter auga suficiente, temos que dotalo de rego... Estamos niso buscando unha axuda para poder facer isto”, conclúe o presidente da Unión.

0.20419597625732