José Tomé critica a situación política en Samos e acusa a Julio Gallego de querer "seguir cobrando"

SarriaXa
José Tomé critica a situación política en Samos e acusa a Julio Gallego de querer "seguir cobrando" mentres é alcalde
José Tomé
José Tomé
1 mar 2023

José Tomé Roca asegurou no Pleno da Diputación de Lugo ao respecto da situación xerada no Concello de Samos que o Partido Popular "está volvendo ás andadas e está fomentando o transfuguismo".

Estas declaracións fanse debido a que Miguel Gallego, fillo do actual alcalde, Julio Gallego, preséntase como candidato do PP en Samos ás eleccións municipais.

Dixo que os populares "están comprando vontades, neste caso de persoas que, evidentemente, parece que non tiñan unha ideoloxía moi clara, porque se fose así, non farían o que fixeron".

José Tomé foi moi crítico cunha forma de entender a política na que "unha familia debe de pensar que Samos lle pertence, que son os donos do Concello. O avó foi alcalde co Partido Popular, o pai co PSOE e agora parece que o fillo ten intención de ser polo PP. Eu espero que iso non sexa unha realidade, porque iso iría en detrimento dos veciños de Samos", argumentou.

E denunciou que "isto non é unha dinastía, Samos é dos veciños de Samos". O Secretario Xeral do PSdeG lucense insistiu en mirar cara adiante, e asegurou que os socialistas "imos presentar un candidato gañador, cun proxecto de futuro, pensado para todos os veciños e veciñas, porque é preciso deixar atrás este pesadelo de utilizar a Samos para beneficios dunha determinada familia".

Ademais, acusou a Julio Gallego de "querer seguir cobrando, mentres que non paga as cotas do partido", di con respecto de que Julio Gallego se deu de baixa do PSOE. "Supoño que quererá seguir sendo alcalde ata as eleccións para seguir cobrando o seu soldo estes meses porque outro obxectivo non ten. Non creo que vaia facer grandes políticas agora en Samos nos tres meses que lle quedan", sentenciou.