A obra de teatro 'O pano' será representada no antigo Concello de Láncara o 13 de novembro

A Asociación Cultural Val de Láncara organizará o vindeiro venres 13 de novembro unha xornada de teatro en Carracedo, coa representación de 'O pano', da compañía Bátega Teatro. A función comezará ás 20:00 horas na antiga casa do Concello de Láncara.
A obra aborda a violencia machista a través dunha proposta multidisciplinar que combina teatro, monólogos, danza, música e poesía. Cunha duración aproximada de 60 minutos, está dirixida a público a partir de 12 anos e busca achegar esta realidade especialmente ás novas xeracións, promovendo unha reflexión sobre esta problemática.
A compañía dispón tamén dunha unidade didáctica elaborada por Esmeralda Quiroga, profesora de Lingua Castelá e Literatura do IES Val do Tea, baseada no visionado previo da obra. Este material poderá facilitarse aos centros ou persoas interesadas que o soliciten, co obxectivo de complementar a experiencia teatral cun traballo educativo sobre a violencia machista.