Láncara investirá 150.000 euros na rexeneración do firme en Castelo, Pedreira e Outeiro

O Concello de Láncara destinará arredor de 150.000 euros á mellora do pavimento nos núcleos de Castelo, Pedreira e Outeiro, grazas a un acordo de colaboración coa Deputación Provincial de Lugo. A intervención permitirá actuar sobre varios viais que presentan un acusado deterioro e que precisan unha renovación integral.
No caso de Castelo, as obras xustifícanse polo deficiente estado do firme, que presenta desgaste do material bituminoso e zonas claramente erosionadas. A isto súmase a presenza de residuos e vexetación nas cunetas, así como a inexistencia dun sistema de drenaxe eficaz, factores que agravan a degradación da vía.
En Pedreira, onde tamén está prevista a construción dun muro de contención, os laterais da estrada atópanse cubertos de maleza, o que reduce a visibilidade e incrementa o risco para a circulación. Ademais, detectáronse outros problemas como a escasa anchura da calzada e distintas irregularidades na superficie de rodaxe, que fan necesaria unha actuación de rexeneración.
Polo que respecta a Outeiro, o proxecto inclúe igualmente a execución dun muro para garantir a estabilidade do terreo. Segundo recolle a memoria xustificativa do Concello de Láncara, a carencia desta infraestrutura supón un perigo de erosión, desprendementos e posibles danos estruturais a medio e longo prazo. Neste núcleo, a actuación servirá para corrixir o pavimento actual, que presenta fendas, zonas afundidas, sumidoiros deteriorados, encontros deficientes con edificacións e accesos mal resoltos, ademais da falta dun tratamento urbano uniforme en prazas e calzadas.
O Goberno local sostén que as solucións técnicas elixidas combinan eficacia, resistencia e rapidez de execución. As intervencións contemplan a limpeza das cunetas, o varrido do firme existente e a aplicación dunha nova capa de rodaxe mediante aglomerado en quente.
As melloras atópanse actualmente en fase de contratación. As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 3 de marzo.