Láncara investirá 65.000 euros para rematar a urbanización dos accesos ao futuro polígono industrial

SarriaXa
As obras, cun prazo de execución de tres meses, permitirán asfaltar a vía, completar as beirarrúas e mellorar a seguridade viaria
Casa-do-Concello-de-Láncara
27 Jul 2026

O Concello de Láncara adxudicou por 65.000 euros as obras que permitirán completar a urbanización dos accesos ao futuro polígono industrial da Pobra de San Xiao. A actuación, que será executada pola empresa Hordescon, conta cun prazo de execución de tres meses e está financiada a través dun convenio entre o Concello e a Deputación de Lugo, que achega 50.000 euros, mentres que a administración local asumirá o importe restante.

Os traballos permitirán pavimentar a vía de acceso, para o que previamente se realizará un nivelado da calzada debido ao seu deterioro e á presenza de fochancas. Ademais, completarase a construción das beirarrúas coa execución dos rebaixes peonís en baldosa hidráulica, instalaranse arquetas de telecomunicacións e sumidoiros e dotarase o vial da correspondente sinalización horizontal e vertical.

Segundo recolle o proxecto, esta estrada constitúe o principal acceso ás parcelas industriais da localidade, ás fábricas de mobles e á estación depuradora de augas residuais, presentando na actualidade un estado deficiente que ocasiona problemas de seguridade e molestias ao tráfico.

Esta actuación permitirá concluír unha obra iniciada en 2023 e que quedou interrompida debido á necesidade de modificar unha liña eléctrica de media tensión afectada polos traballos. O atraso na execución do soterramento e traslado da infraestrutura por parte da compañía eléctrica provocou un incremento dos custos e obrigou a deixar pendentes actuacións previstas inicialmente, entre elas o asfaltado da calzada.

Na primeira fase da urbanización executouse o soterramento das redes de servizos, construíuse boa parte das beirarrúas de formigón e preparouse a base da futura calzada, quedando agora por rematar a actuación para completar o acceso ao futuro parque empresarial.

0.094155788421631