Láncara, Samos e Paradela recibirán máis de 454.000 euros para un obradoiro de emprego

O alcalde de Láncara, Darío Antonio Piñeiro López, anunciou a consecución dun investimento de 454.552 euros destinado ao obradoiro dual de emprego Os Soutos 2, unha iniciativa que permitirá impulsar actuacións en Láncara, Samos e Paradela, ao tempo que ofrecerá formación e emprego á veciñanza.
O rexedor destacou que este financiamento é froito do traballo conxunto entre os tres concellos e a Xunta de Galicia, subliñando que se trata dun exemplo de colaboración institucional máis aló das diferenzas políticas. “Priorizamos o benestar dos nosos veciños e veciñas por riba de calquera sigla, traballando unidos para acadar recursos que melloren o noso territorio”, sinalou.
O proxecto permitirá desenvolver actuacións de mellora en distintos puntos dos tres municipios. No caso de Láncara, unha das intervencións principais será a creación dun paseo sobre as antigas vías do tren na Pobra, unha actuación que, segundo explicou Piñeiro López, suporá “un cambio estético e funcional importante para a capitalidade do municipio”. Pola súa banda, en Samos e Paradela acometeranse traballos de acondicionamento de espazos públicos e de posta en valor do patrimonio natural e cultural.
Ademais das melloras en infraestruturas, o obradoiro terá un importante impacto social, xa que ofrecerá nove meses de emprego e formación a persoas da contorna. O alcalde incidiu en que esta iniciativa non só supón un investimento material, senón tamén unha oportunidade para fixar poboación e xerar futuro no rural.
Piñeiro López cualificou este logro como un paso relevante dentro da súa liña de xestión, baseada na captación de recursos e na cooperación institucional, e asegurou que o goberno local continuará traballando para atraer novos investimentos que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza.
CRÍTICAS DO PP DE LÁNCARA
O Partido Popular de Láncara considera que “o alcalde acerta cando rectifica” tras solicitar de forma conxunta o obradoiro de emprego ‘Os Soutos II’, unha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia con máis de 450.000 euros destinada á contratación de persoas desempregadas e á realización de actuacións nos concellos de Láncara, Paradela e Samos.
A portavoz popular, Olga Capón, sinala que “non se deben desaproveitar oportunidades para o noso concello”, en relación a este tipo de programas formativos e de emprego promovidos pola administración autonómica.
Os populares lembran que o obradoiro do pasado ano, ‘Os Soutos I’, tamén financiado pola Xunta, permitiu o acondicionamento dunha parte do paseo na zona das antigas vías do tren. Porén, critican que o goberno local non cumpriu coas actuacións anunciadas no paseo e na área fluvial da Pobra, asegurando que no primeiro caso só se interveu parcialmente e no segundo non se executou ningunha obra.
Olga Capón tamén incide no estado de conservación das áreas fluviais do río Neira, tanto na Pobra como no conxunto do municipio, así como nas zonas infantís e de descanso, que cualifica de abandono. Segundo afirma, a situación repítese cada ano e resulta especialmente evidente coa chegada da primavera e o inicio da tempada estival.
Os populares destacan, ademais, o compromiso da Xunta con Láncara a través de investimentos en actuacións como a mellora da estrada LU-622 ao seu paso por Carracedo e Armea ou a segunda fase das beirarrúas da LU-621 na parroquia de Láncara, ademais dos obradoiros de emprego.
Finalmente, a portavoz do PP critica a xestión municipal en materia de emprego e desenvolvemento económico, asegurando que houbo anos sen obradoiros, que non se contrata brigada contra incendios malia estar subvencionada pola Xunta, que non se avanzou na creación dun polígono industrial e que diversas obras municipais se atopan con problemas de execución ou demoras, mentres que, segundo afirma, os proxectos privados atopan dificultades administrativas.