Los Satélites e París de Noia protagonizan a gran verbena deste mércores nas festas do San Xoán de Sarria

As festas patronais de San Xoán en Sarria continúan este mércores 24 de xuño cunha intensa programación de actividades, despois da noite grande celebrada onte martes, na que se levou a cabo o tradicional acendido do lume no Campo da Feira, acompañado dun espectáculo de lume, música e danza a cargo dos Correfoc – Dimonis de La Plana.
A programación deste mércores arrinca ás 11:00 horas cun pasacalles de mañá a cargo da Banda de Música de Sarria. Ás 11:30 horas está prevista a recepción de autoridades na Casa do Concello.
Ás 12:00 horas celébrase a Misa Maior na Igrexa de San Salvador, cantada pola Coral Polifónica do Concello de Sarria, seguida da procesión.
Ás 13:30 horas ten lugar a sesión vermú na Sociedade Recreativa La Unión, coa actuación da Asociación Meigas e Trasgos e do grupo Os Dous Bos.
Pola tarde, ás 18:30 horas, desenvólvese un novo pasacalles coa participación da Asociación Cultural Peleriños e Tambukda. Ás 19:30 horas está previsto un concerto na Praza da Vila a cargo da Banda de Música de Sarria.
O peche da xornada chega ás 21:30 horas no Campo de Rugby, coa gran verbena a cargo das orquestras Los Satélites e París de Noia, dous dos principais nomes do panorama galego, que serán os encargados de poñer o broche musical a un día de festa que combina tradición, música e participación popular en toda a vila.