Louseiro celebrará en xuño as festas de San Antón con música, verbena e actos relixiosos

A parroquia de Louseiro, no municipio de Sarria, xa quenta motores para celebrar as tradicionais festas de San Antón, que terán lugar os días 6, 7 e 8 de xuño de 2026 cun amplo programa festivo para veciños e visitantes.
As celebracións comezarán o sábado 6 cunha pancetada e queimada amenizada polo dúo Begoña Mazaíra, nunha primeira xornada marcada polo ambiente festivo e a música.
O domingo 7 terá lugar unha das citas centrais da programación. Ás 13:00 horas celebrarase a misa maior, seguida da procesión e dunha sesión vermú coa actuación de Salsarena. Xa pola tarde, ás 19:30 horas, haberá actuación infantil e, a partir das 20:30 horas, dará comezo a festa e verbena coa orquestra Salsarena.
As festas rematarán o luns 8 cunha nova xornada relixiosa e musical. Ás 13:30 horas celebrarase a misa maior, acompañada da procesión e dunha sesión vermú co dúo Begoña Mazaíra. Pola noite, ás 22:00 horas, a orquestra América SL será a encargada de poñer o broche final ás celebracións cunha gran verbena.