Lucía Pérez e David Amor, protagonistas da II edición do Cocido Gourmet Porco Celta do Incio

A segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta do Incio celebrarase este sábado 14 de marzo en Eirexalba co obxectivo de reivindicar este produto autóctono e afianzar a iniciativa dentro do calendario gastronómico galego.
A pregoeira desta edición será a cantante Lucía Pérez, natural do municipio, quen pronunciará o seu discurso ás 14:00 horas. Xunto a ela, o humorista David Amor participará como embaixador do evento.
A programación dará comezo ás 13:00 horas cunha cata de viños guiada coa colaboración de Bruno Lovelle, na que se ofrecerán petiscos gourmet elaborados con Porco Celta como aperitivo. Tras o pregón, ás 15:00 horas iniciarase o xantar, que terá como prato estrela o cocido, seguido dunha queimada co seu tradicional conxuro.
Despois, ás 18:00 horas, terá lugar o concerto do grupo Deloreans, que interpretará versións de temas indie, pop e rock. Xa ás 20:00 horas celebrarase unha cea con iscos ao espeto e, posteriormente, a xornada pecharase cunha noite de destilados selectos e combinados.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, destacou que esta segunda edición dá continuidade a un proxecto que naceu coa intención de fortalecer a identidade gastronómica do municipio e respaldar o sector do Porco Celta. Ademais, incidiu en que a meta é que o evento medre progresivamente, gañe visibilidade e se consolide como unha referencia dentro das citas gastronómicas tanto da provincia como do conxunto de Galicia.