Lucía Pérez: “Síntome cada vez máis eu, máis segura; estou na miña mellor versión”

Jessica Fernández
Lucía Pérez, natural do Incio, celebra este ano dúas décadas de traxectoria profesional na música cunha mirada agradecida e ilusionada, marcada pola sensación de estar exactamente no lugar que sempre soñou, aínda que aquela nena que quería vivir deste mundo dificilmente podería imaxinar unha carreira tan longa e sostida no tempo. “Se lle preguntas á Lucía de nena, que soñaba vivir disto, creo que igual non se crería que podería estar 20 anos nesta profesión”, recoñece, ao tempo que se define como unha persoa afortunada por poder dedicarse plenamente á música, a unha profesión que a fai feliz. “A esta vida viñemos a ser felices e temos que enfocar todo para conseguilo, aínda que non sexa fácil”, afirma, resumindo unha filosofía vital que atravesa tanto a súa vida persoal como a súa obra artística.
Este aniversario profesional chega, ademais, nun momento simbólico, xa que coincide cos seus 40 anos e cos 15 desde a súa participación en Eurovisión, unha suma de datas que reforzan a sensación de ciclo vital e creativo. Lonxe de mirar atrás con nostalxia, Lucía Pérez presenta nova música e confesa sentirse cada vez máis ela mesma, máis segura e máis libre. “Síntome cada vez máis eu, máis segura; e aquí seguimos”, asegura, deixando claro que a ilusión continúa intacta.
CONSTANCIA E ILUSIÓN
Con todo, Lucía Pérez non idealiza o camiño percorrido nin oculta as dificultades dun sector no que a estabilidade non está garantida. Asegura que, como en calquera profesión, é imprescindible traballar moito e manter a constancia para poder permanecer. “Hai que seguir, seguir e seguir, a pesar dos momentos baixos”, subliña, ao tempo que redefine o concepto de éxito desde unha perspectiva moi persoal. Para ela, triunfar é poder estar aí, facer o que un quere e manterse fiel a si mesma.
Nese proceso, considera clave atopar ás persoas adecuadas. “Rodearte de boa xente que pelexe por un é o máis difícil, pero tamén o que che permite manterte firme”, afirma. Nese sentido, lembra con especial gratitude a figura do seu manager e produtor, Chema Purón, con quen traballou durante case 15 anos e que foi determinante para respectar o seu ritmo e o foco artístico que ela quería manter. Esa experiencia serviulle tamén para aprender a elixir mellor quen a acompaña no camiño.
NOVO SINXELO
Dentro desta nova etapa sitúase o lanzamento do seu último sinxelo, ‘Por que no’, acompañado dun videoclip que ocupa un lugar especial na súa traxectoria. A peza audiovisual foi gravada en Lugo, no Museo Interactivo da Historia de Lugo, o MIHL, un espazo no que, segundo explica, se conseguiu plasmar perfectamente a esencia da canción. “É dos videoclips que máis me gustan do que fixen ata agora”, confesa.
A canción preséntase como un himno de reafirmación persoal, cunha mensaxe directa dirixida a quen impón límites. “É unha canción verdadeira, unha canción dunha muller sen límites, onde me sinto moi segura, sen filtros, con moitas verdades, onde está o mellor de min. Creo que é a miña mellor versión ata o momento”, afirma.
No horizonte inmediato, a cantante atópase inmersa na preparación dunha nova xira, un proxecto ao que se refire con especial entusiasmo. Tras anos acompañada polos mesmos músicos, este ano apostan por un cambio importante na posta en escena e no repertorio. “Estamos dándolle unha nova forma para que a xente goce no directo”, explica, destacando que é sobre o escenario onde sente a súa enerxía ao máximo. A xira arrancará en Portugal e tamén percorrerá Galicia, cun especial interese polo país veciño, onde se lle abriron novas oportunidades tras a súa colaboración con Seamaro. Ao mesmo tempo, confesa que xa ten lista outra canción co seu correspondente videoclip, nun ritmo creativo que non se detén. “Non se pode parar, estou moi ilusionada, nunha época redonda, na que me sinto plena”, afirma, coa vontade clara de transmitir ese estado ao seu público.
Esa felicidade vital é algo que o público percibe e que se converte nun dos sinais de identidade da artista. “Dinme moitas veces: ‘Ti sempre estás alegre, resplandeces luz’, e para min é un alago marabilloso”, explica. Así, a cantante defínese como unha muller optimista, consciente de que existen momentos duros, pero convencida de que transmitir positividade, tanto a través da súa música como da súa actitude persoal, é algo importante e necesario.
AS RAÍCES
Por riba de escenarios, focos e proxectos, Lucía Pérez mantén un vínculo profundo co Incio, o lugar ao que sempre regresa para recargar enerxía. A súa aldea, Goó, é para ela un refuxio emocional e familiar imprescindible. “Necesito ir cada pouco á miña casa para coller forza”, confesa.
E lembra que O Incio represéntase tamén como un espazo de enorme riqueza cultural, cunha tradición que vai desde figuras literarias como Ánxel Fole ou Marica Campo ata unha forte presenza da música tradicional. “Formo parte desa esencia e iso faime sentir orgullosa. Ademais, que a xente recoñeza o Incio, porque é de onde son, é algo que me enche”, conclúe, reivindicando as súas raíces como parte inseparable dunha carreira que, vinte anos despois, segue medrando con voz propia.