Luis López, xerente de Pulpería Luis: “O que nos diferencia doutros establecementos é a calidade absoluta no produto”

SarriaXa
Falamos con Luis López Fernández e María José Vázquez Fernández, xerentes da Cantina Pulpería Luis.
A Pulperia do Luis 3
19 Nov 2023

Falamos con Luis López Fernández e María José Vázquez Fernández, xerentes da Cantina Pulpería Luis.

Como nace Pulpería Luis?

Primeiro, abrimos unha cafetería no ano 2001 e, como Luis xa traballaba de antes no sector do polbo indo a diferentes feiras cos seus pais, decidimos compaxinar as dúas actividades a partir do 2004, cando abrimos un pequeno local ao lado, onde faciamos polbo os fins de semana e festivos.

Xa no 2010 decidimos deixar a cafetería e seguimos no sector do polbo, pero de forma profesional porque había moita demanda e mercado e moi pouca oferta en Sarria e arredores. Quixemos montar un local grande e dedicarnos a iso, polo que pasamos ao antigo bar e así quedou, co nome A Cantina Pulpería Luis.

Desde aí ata o de agora foi todo en aumento, polo que o cambio foi para ben. Fomos moi ben aceptamos e fomos crecendo pouco a pouco.

Había necesidade deste tipo de establecemento en Sarria?

Si, como comentabamos, non había en Sarria vila, pero tampouco na comarca, un local especializado en polbo. Luis participaba nas feiras e quería seguir no mundo do polbo, pero queriamos montar o noso propio negocio.

Por iso, collemos un local familiar que tiñamos e montamos a nosa cafetería e pub e comezamos no sector da hostalería en Sarria, que é de onde somos, polo que tiña sentido montalo aquí.

Agora somos máis grandes e temos un lugar estable onde traballas, xa que as polberías que van ás feiras móntanse alí de forma ambulante. Nós facemos eventos e temos servizo de recollida de polbo, pero estamos estables nun sitio.

Que tipo de produtos ofrecen e cal é o mellor? Por que?

Nós non temos moita variedade de produtos, porque para nós o máis importante é a calidade do produto. Por iso, ofrecemos o prato estrela, o polbo, e tamén carne ao caldeiro, filete de tenreira á prancha e empanada de atún. Non temos menú, por exemplo.

De sobremesa, o mellor que temos é o queixo con marmelo, que o facemos caseiro e cunha elaboración totalmente tradicional.

O que nos diferencia doutros establecementos é a calidade absoluta no produto, xa que o polbo o elaboramos sempre á vista. Temos a cociña exposta, diante dos clientes, para que vexan como é o polbo, como o cortamos e como o preparamos. E a ración custa 11 euros, por debaixo dos prezos que se ven noutros locais.

Como é o traballo?

Nós traballamos só ao mediodía. Abrimos ás 11.00 e pechamos ás 16.00 horas, tempo durante o cal adoitan encherse os comedores, que temos dous con capacidade para 100 persoas, e un engadido na terraza, que abrimos só durante os meses de verán (xullo, agosto e setembro), que ten capacidade para 40 persoas.

Ademais de traballar Luis e máis eu, tamén traballan con nós dúas rapazas e, a maiores, contamos con traballadores extras que nos axudan durante as épocas de máis afluencia de xente, que son o verán e a semana santa.

Non nos dedicamos aos eventos, pero ás veces Luis fai un pequeno aperitivo para algunha voda e tamén acollemos comidas de empresa ou de grupos de 20 persoas.

Como é o trato cos clientes?

O trato cos clientes é moi bo. Temos clientes desde que abrimos en 2010 que veñen unha vez ao ano a Sarria só para comer o polbo. Falamos de persoas de Madrid, Barcelona ou o País Vasco, que teñen as súas orixes aquí e cando veñen a Sarria, pasan polo noso local. Tamén veñen persoas que non teñen as súas orixes aquí, pero son de Ponferrada e Asturias e veñen unha vez ao ano a Sarria só para comer o polbo aquí.

Por tanto, poderiamos dicir que temos unha clientela moi fidelizada, aínda que tamén veñen persoas que nunca estiveran antes e incluso persoas que pensan que somos un restaurante normal e incluso piden máis carta. Pero as persoas que saben a onde veñen e entenden o que é unha polbería tradicional, quedan moi contentas co trato e coa calidade. A xente que vén a comer polbo, queda satisfeita.

En que lugar se atopan e que valoran del?

Atopámonos na rúa principal de Sarria, a Liberdade, ao lado do paseo do Malecón, cun aparcadoiro xusto enfronte. Ao estar nunha rúa tan céntrica, temos unha localización privilexiada que nos permite ser visibles para todas as persoas que queiran vir ao noso local.

Con respecto ao estilo e aspecto do noso local, é unha mestura entre o tradicional e o moderno, xa que contamos con decoración dunha polbería típica, cos seus bancos e mesas corridos para compartir a mesa cos acompañantes, como nas feiras; pero tamén é un estilo moi moderno, con grandes cristaleiras que dan á rúa.

A Pulperia Luis
pulpo
0.079406976699829