Luismi despídese de Os Meigallos FS e Marco Iván Martínez asumirá o banco na tempada 2026-2027

Os Meigallos Fútbol Sala de Sarria xa comezaron a preparar a tempada 2026-2027 cunha importante novidade no corpo técnico. O club confirmou a marcha de Luismi como adestrador do primeiro equipo, a incorporación de Marco Iván Martínez para ocupar o banco e a renovación do porteiro Álvaro.
A través dunha carta publicada nas redes sociais, Luismi anunciou que non continuará á fronte do equipo e agradeceu o apoio recibido durante as dúas campañas nas que dirixiu ao conxunto sarriao.
O técnico lembrou que esta foi a súa segunda etapa no club e destacou que ambas tempadas estiveron marcadas pola competitividade e polo cumprimento do gran obxectivo marcado: devolver aos Meigallos á Terceira División. Na súa despedida tamén tivo palabras de agradecemento para a afección, da que destacou o ambiente vivido durante o play-off de ascenso, así como para os xogadores, o corpo técnico, a directiva e a súa familia polo apoio recibido.
Especial mención fixo aos xogadores Saúl e Álvaro, aos que agradeceu que deixasen o fútbol sala profesional para contribuír ao ascenso do equipo da súa vila.
Tras confirmar a saída de Luismi, o club anunciou a chegada de Marco Iván Martínez como novo adestrador. O novo técnico conta cunha ampla experiencia no fútbol sala galego despois de dirixir equipos como Carballiño FS, Ourense FSF e Sala Ourense.
Desde a entidade mostraron a súa confianza en que a experiencia, dedicación e coñecementos de Martínez serán fundamentais para afrontar unha tempada na que o equipo competirá en Terceira División.
Ademais, Os Meigallos tamén oficializaron a continuidade do porteiro Álvaro, que renovou por unha campaña máis. O club destacou o seu compromiso, traballo e seguridade baixo paus desde o seu regreso á entidade, cualidades que o converteron nunha peza importante na consecución do ascenso, polo que celebran poder seguir contando con el para os retos da nova tempada.