Malandança, especializada en música medieval, protagonizará un concerto no mosteiro de Samos
O mosteiro de Samos acollerá este sábado, 28 de setembro, ás 20.00 horas, un concerto da formación Malandança, especializada en música medieval, que emprega instrumentos contruídos a partir dos representados no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela e que interpretará un formado por cantigas de Santa María , escritas na corte de Afonso X durante o século XIII.
A especial sonoridade dos instrumentos e o recoñecido virtuosismo dos intérpretes que forman Malandança, Esperanza Mara, Manuel Vilas, Diego Rojo, Xurxo Varela, César Arias e Francisco Luengo, acompañados pola narración de Charo Pita; definen o concerto, que forma parte do 'Ciclo de Música Medieval Lugo: De Trovas e Cantigas', promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo que conta, neste caso, coa colaboracion do Concello de Samos.
O ciclo, que pretende levar a música medieval a emprazamentos singulares e representantivos desta etapa histórica nas distintas comarcas, programará dous concertos máis: o 24 de outubro na Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, e na igrexa románica de San Pedro de Bembibre, en Taboada. O primeiro celebrouse o pasado mes de abril en Lugo, coincidindo co curso de instrumentos de música medieval que se celebrou no Centro de Artesanía e Deseño.