Manuel Montero, de Clarisaxos: "Queremos que os nenos de Sarria teñan un grupo onde tocar"

SarriaXa
Falamos con Manuel Montero, profesor na Escola de Música de Sarria, promotor do grupo de música Clarisaxos
Clarisaxos-concerto-colexio-La-Merced
20 Xul 2024
Por Jessica Fernández

Como xorde o grupo Clarisaxos?

O grupo Clarisaxos xorde pola miña iniciativa en 2014, que foi cando comecei a dar clase na escola de musica de Sarria para que todos os meus alumnos fixeran música xuntos. Concretamente, o alumnado de clarinete e saxofón, de aí vén o nome; pero logo fomos engadindo alumnado e agora, ademais de clarinete e saxofón, temos profesionais da frauta traveseira, do óboe, doutros instrumentos da familia do clarinete e do saxofón, e engadimos agora trombón, trompeta, trompa, tuba, contrabaixo e percusión.

Por quen está formado?

En total, somo 30 persoas os que formamos parte do grupo Clarisaxos e con idades comprendidas entre os 8 e os 50 e pico anos, ademais, son principalmente alumnos meus da escola de Sarria, aínda que como o grupo funciona tan ben e é todo tan ameno,  este ano engadíronse os de vento metal. Ademais, as persoas máis maiores son persoas afeccionadas que dan clase comigo na escola e forman parte do grupo.

Cales son os obxectivos do grupo?

O obxectivo principal é que todos os meus alumnos fagan música entre eles e que poidan participar de concertos. Por iso, tocamos en todas as audicións de música de Sarria e a maiores facemos todos os anos polas Letras Galegas unha iniciativa pola que levamos a música galega ao instituto Xograr Afonso Gómez e ao colexio da Merced. Para o ano que vén intentaremos facelo tamén no CEIP Luís de Granada para achegarlle a música aos nenos máis pequenos da vila.

Cales son as actividades desenvoltas ata o momento?

Ensaiamos unha hora por semana e, como anécdota, pola pandemia tiñan tantas ganas de dar clase que nos seguimos conectando online e seguimos dando clase. Ademais, como eu tamén dou clase nas Escolas Municipais de Música de Rábade-Begonte-Outeiro de Rei-Friol, durante a pandemia montamos un grupo cos alumnos das escolas de Rábade e os de Sarria e conectábamos todos xuntos. Así, no curso de cana simple que organizou recentemente a Banda de Música da Comarca de Sarria en Triacastela, viñeron tamén os meus alumnos de clarinete de Rábade e xuntáronse cos de Sarria, mentres que eu estiven de profesor en dito curso.

Por outra banda, Clarisaxos participa nas audicións da escola de Sarria, que facemos polo Entroido e polo fin de curso, xa que ademais de actuar os alumnos de clarinete e saxofón, os Clarisaxos facemos un concerto pre San Xoán, que este ano tivo lugar o 21 de xuño, no que tamén participou con nós a profesora de canto alemá, Tabea Graser. Durante esta actividade fixemos historia, porque interpretamos tamén un arranxo instrumental do himno do Concello de Sarria, xa que había un arranxo para coro e fixen eu un instrumental que inauguramos o ano pasado xunto coa Coral Polifónica na Feira de Antigüidades de San Lázaro.

Outras actividades destacadas do noso grupo foi cando tocamos catro pezas xunto ao graffiti de Diego As sobre Elías Valiña o día que o inauguraron; xa que nos chamaron do Concello para ir; e protagonizamos tamén un concerto solidario na Unión pola guerra de Ucraína.

Como é a acollida da xente de Sarria?

As agrupacións, cantas máis, mellor, porque así a xente cada vez dáse máis de conta do traballo que fai a música na nosa sociedade, e sempre estamos moi acollidos pola xente de Sarria cando facemos concertos, sempre hai xente arroupándonos, agradecendo o traballo que facemos, gústanlles moito os nosos concertos; entón moi contentos e queremos seguir sumando xente e que todos os nenos teñan un grupo para tocar música.

Teñen colaboración do Concello?

Temos colaboración do Concello de Sarria apoiándonos e axudándonos cando o necesitamos, amplificando o noso son ou calquera cousa. Ademais, tamén temos colaboración coa Banda de Música da Comarca de Sarria, coa que imos facer un concerto conxunto despois da Noite Meiga que é o último sábado de agosto, polo que tamén temos boa relación coa asociación Meigas e Trasgos, organizadora deste evento.

Hai algún proxecto de futuro?

Esta tempada que comeza a partir de setembro-outubro cumprimos dez anos de vida, polo que temos pensando facer algo especial, aínda que non hai nada confirmado.

0.192538022995