María Casar, presidenta de Ergueitas: “Situamos Sarria nun punto importante no mapa cultural”

SarriaXa
Falamos con María Casar, presidenta da Asociación Ergueitas de Sarria, que cambiou de nome en 2018 despois de ser Ergueitos desde o ano 1977
premio-Fiz-Vergara-Ergueitas-Sarria
20 Jul 2024
Por Jessica Fernández

Cando e por que xorde a Asociación Ergueitas?

Antes de ser Ergueitas, a asociación era Ergueitos, que xurdiu no ano 77 despois de que morrera Franco. Naquel momento, foi un momento de efervescencia cultural e soamente estaban Meigas e Trasgos e nós.

A intención era mellorar a vida cultural de Sarria, polo que se facían saídas para recoller cogomelos en outono, degustacións, exposicións de artesanía das diferentes zonas de Galicia, concertos de música... Daquela incluso se trouxera a Fuxan os Ventos a actuar nun cine. Ademais, tiñamos colaboradores do campo da sanidade e facíanse xornadas sobre adicción.

A finais dos 90 empezaron a xurdir moitas outras asociacións, algo característico de Sarria, que hai moito asociacionismo que levan diferentes camiños, e Ergueitos non sabía cara a onde camiñar. Así que a principios deste século, coa morte de Fiz Vergara, ocorréusenos, para dar continuidade á asociación, levar a cabo unha actividade diferente e potenciar o noso traballo creando o Premio de Fiz Vergara Vilariño e enfocarnos nesa temática.

Ergueitas como tal formouse no ano 2018 despois dunha asemblea na que se decidiu cambiar o nome de masculino a feminino porque case todas eramos mulleres e queriamos reivindicar o traballo feminino e facer visible que estamos aí.

Cales son as actuacións principais da asociación?

Desde o ano 2000 organizamos o Premio de Fiz Vergara Vilariño e centrámonos na coordinación e difusión do premio, que agora xa está institucionalizado polo Concello de Sarria, que se encarga de dar a dotación económica ao gañador ou gañadora. Nós organizamos o xurado, o ditame do libro, etc. A finalidade deste premio é manter viva a memoria de Fiz Vergara.

Outra das actividades que realizamos, coa mesma finalidade, é o roteiro Fiz Vergara, que consiste nunha ruta por Lóuzara por diversos lugares escollidos tras facer unha investigación exhaustiva das poesías do autor, nas que menciona lugares que son os sinalados na nosa ruta.

Nas primeiras épocas do premio facíanse unhas ceas literarias nas que participaban artistas de todas as disciplinas posibles: plásticos, músicos, da danza, da literatura... e nunha desas cea propuxémoslles aos artistas plásticos -que había 13- traballar con nós intervindo, artisticamente, nuns poemas colocados en plena natureza e así ter a conxunción de intervención, poema e artista.

Esta iniciativa tivo moi boa acollida, xa que cada artista tiña o seu poema representado en aceiro e a súa intervención nun material diferente. Por exemplo, Paco Pestama ten a súa en metal, como unha especie campá, e despois da sua peza hai unha fervenza. A de Poy, a de Fernando Yáñez e a de Violeta é de madeira. A de Álvaro de la Vega é de metal e representa un home sobrevoando o río.  A de Miguel Macía é de bronce e a de Eduardo Valiña é de pizarra. Eses son uns exemplos. Cada un fixo o que quixo.

Inaugurado o roteiro en 2010, fomos mantendo as intervencións pouco a pouco, sendo conscientes de que están ao aire libre e hai un deterioro dos materiais, por iso este ano a intención é levar a cabo unha restauración da ruta e das pezas en colaboración do Concello de Samos.

Que máis actividades levan a cabo?

Facemos presentación de libros, non só dos nosos, presentamos libros de persoas interesantes. Tamén facemos recitais de poesía, como o de decembro, no que os poetas fixeron composicións literarias por Palestina e temos pensado seguir nesa liña de reivindicación da xustiza polas persoas que están vivindo este xenocidio de Israel en Palestina, sempre desde onde podemos: desde a poesía e a palabra, para que cese esa matanza que están facendo. Xa miramos cara ao outro lado, pero como seres humanos o que está pasando nos ten que facer reflexionar.

Cales son os obxectivos da asociación?

O primeiro é difundir a figura de Fiz Vergara, xa que é unha personaxe querida e respectada como poeta pero tamén como persoa na comarca; e traballar en actividades que recuperen a memoria e recuperar a súa literatura. Isto é bo para que as institucións poñan en valor o potencial humano e artístico que teñen as persoas. Tanto nós como o Concello de Sarria queremos e xa pedimos un Día das Letras Galegas para o Fiz Vergara. Por outra parte, queremos difundir todo tipo de cultura, centrada no ámbito literario. E terceiro, promovemos que exista unha sociedade en feminino e na que teñan cabida os colectivos minimizados.

Por que é importante esta asociación para Sarria?

Una divisa de Ergueitas e Ergueitos, da nosa historia, é situar a Sarria nun punto importante dentro do mapa cultural galego, xa que a cultura, a medida que vai existindo esta Galicia baleirada e que se vincula moito coas cidades, queremos que Sarria sexa referente cultural.

Levamos 24 edicións do premio Fiz Vergara e é un dos máis prestixiosos premios de poesía de toda Galicia; e leva o nome de Sarria por todos os lugares. Dalgunha maneira fai referencia a que nesta vila apóstase pola cultura e por divulgar a figura de Fiz Vergara desta comarca. O propio prestixio do premio é un recoñecemento para Sarria. Pasaron os mellores poetas do país e os gañadores levan o nome de Sarria onde presentan os seus libros; a carreira destas persoas sempre está ligada ao premio. Ademais, traemos o mellor xurado que pode participar e é moi boa a recepción que teñen porque nos coñecen, entón servimos de espello da comarca e levamos a Sarria en todas as accións e actividades que facemos.

A ruta prestixia tamén a comarca, xa que veñen dende universidades a facer a ruta para tratar a temática da poesía contemporánea galega, ou os estudos de natureza. Hai moita xente que estivo na ruta e afondou na relación arte-poesía-natureza-creación, e isto serviulle para facer obras.

En definitiva, intentamos enriquecer a vida de Sarria a nivel cultura da mellor maneira que podemos, traendo persoas e actividades interesantes e importantes e levando o nome de Sarria alí a onde imos.

0.16280293464661