'Mudanza' suma unha nova selección internacional no Festival El Garaje del Cine de España

A curtametraxe Mudanza continúa acumulando recoñecementos no circuíto internacional de festivais, sendo incorporado á Selección Oficial do Festival El Garaje del Cine, en España, dentro do Festival Internacional de Cine CityBlue Films.
A peza audiovisual está baseada nun relato da escritora paradelense Sonia Arias López, foi dirixida por Luisje Moyano e producida por Movie Books e Fortune Films Productions. Trátase dunha nova distinción para unha obra ambientada en Paradela e Sarria, que nace a partir dun dos textos incluídos no libro Manchas de frío.
Nesta publicación, Sonia Arias aborda o cancro e o proceso de afrontar a morte desde unha perspectiva respectuosa e intimista, unha temática que foi levada á pantalla conservando a esencia do relato orixinal.
O pasado mes de decembro, Mudanza xa recibira o premio á Mellor Temática Social no Festival Internacional de Cine CityBlue Films. Aquel galardón adquiriu un valor especial ao resultar elixida entre 864 traballos procedentes de 43 países, un recoñecemento que puxo en valor tanto a calidade artística da produción como a sensibilidade da súa historia.
Con esta nova selección oficial, Mudanza continúa reforzando a súa presenza en festivais internacionais e ampliando o percorrido dunha obra que ten como escenario dúas localidades da comarca de Sarria e que naceu da creación literaria da autora paradelense.