‘Mudanza’ triunfa en Grecia co premio á mellor produción no Athens International Monthly Art Film

SarriaXa
A curtametraxe baseada na obra de Sonia Arias continúa a súa proxección internacional e busca situar no mapa a Sarria e Paradela
equipo-Mudanza-Sonia-Arias-Vigo
20 May 2026

A curtametraxe Mudanza, baseada no libro Manchas de frío da escritora paradelense Sonia Arias, foi recoñecida co premio á Mellor Produción na quinta edición do Athens International Monthly Art Film, un certame internacional celebrado en Grecia.

A autora e impulsora do proxecto mostrou a súa satisfacción polo recoñecemento recibido e destacou a importancia de que o traballo realizado chegase a un público internacional. Sonia Arias explicou que “o feito de que visen o noso traballo en Grecia, que visen os nosos pobos, é moi importante para nós”, ao tempo que quixo poñer en valor o esforzo de todas as persoas implicadas na curtametraxe.

A creadora agradeceu especialmente o labor do equipo de produción e técnico, así como do reparto, dos patrocinadores, dos concellos colaboradores e das persoas voluntarias que participaron no desenvolvemento do proxecto audiovisual. Segundo sinalou, desde o inicio tiñan claro que estaban apostando por “algo bonito, especial e potente”, e considera que este tipo de premios avalan a confianza depositada na iniciativa.

Sonia Arias asegurou tamén que o equipo afronta con ilusión a participación noutros festivais internacionais, coa intención de continuar sumando recoñecementos e seguir dando visibilidade tanto á curtametraxe como aos municipios de Sarria e Paradela.

0.12030696868896