MundoTria Radio entrevista ao presidente da Asociación de Veciños de Salcedo para falar do Entroido tradicional

SarriaXa
O programa do CEIP de Triacastela aborda a figura do Oso e incluirá novas seccións realizadas polo alumnado
Mundotria-Triacastela
14 Mar 2026

A emisora escolar MundoTria Radio, impulsada polo alumnado do CEIP de Triacastela, realizou a segunda entrevista do seu programa cun convidado moi ligado ás tradicións da comarca. O protagonista desta nova edición foi Lucas López, presidente da Asociación de Veciños de Salcedo.

Durante a conversa, López falou sobre o Entroido Tradicional de Salcedo, unha celebración profundamente arraigada na zona e que conta cunha das súas figuras máis representativas: o O Oso de Salcedo. O convidado explicou aos nenos e nenas diferentes aspectos desta tradición, transmitindo a súa historia, significado e a importancia de mantela viva co paso do tempo.

O programa completo darase a coñecer proximamente e, ademais da entrevista, incluirá outras seccións elaboradas polo alumnado, como “Que pasa no cole?” e “A bolsa viaxeira”, nas que os estudantes comparten novas e iniciativas relacionadas coa vida escolar.

Desde o centro educativo agradeceron a colaboración de Lucas López polo tempo dedicado ao programa e pola súa disposición para achegar ao alumnado a cultura, a historia e as tradicións vinculadas ao Entroido de Salcedo.

0.115238904953