Noa López Tallón, becada a Nova York para estudar e xogar na UAlbany Women's Basketball

SarriaXa
A sarriá continuará a súa formación académica e deportiva na prestigiosa universidade estadounidense
Noa-López-Tallón-Sarria
21 Jun 2026

A xogadora de baloncesto de Sarria, Noa López Tallón, vén de comprometerse oficialmente coa prestixiosa Universidade de Albany, onde formará parte do equipo feminino de baloncesto UAlbany Great Danes grazas a unha bolsa deportiva que lle permitirá estudar e competir en Nova York. Trátase dun novo paso adiante na carreira dunha deportista que continúa a consolidarse tras anos de progresión no baloncesto formativo e competitivo.

O seu percorrido internacional xa viña marcado desde 2023, cando destacou coas seleccións de base de España ao proclamarse campioa nun torneo celebrado en Abu Dabi coa Selección Española sub-15, no que tamén foi designada MVP nun encontro ante Alemaña. Ademais, nesa competición destacou como a xogadora con maior número de asistencias do torneo, nun campionato no que o equipo gañou todos os partidos da fase de grupos e rematou coroándose campión tras vencer na final a Líbano.

Ao longo da súa formación deportiva, Noa pasou por diferentes disciplinas e clubs, comezando no Club Xirandela, pasando polo fútbol sala no Colexio da Asunción, o fútbol campo na SD Sarriana e no PM, e consolidándose no baloncesto en equipos como o CB Sarria, Estudiantes de Lugo, BBCA de Ferrol e o Club Ensino de Lugo, onde foi desenvolvendo o seu xogo ata dar o salto internacional.

0.11502814292908