O AC Taekwondo Sarria brilla en Londres con varias medallas en competición internacional

O club AC Taekwondo Sarria regresou de Londres cun balance moi positivo tras a súa participación en dúas importantes citas do calendario internacional, o Open de Londres (G1) e a President Cup (G3), disputadas ao longo da fin de semana en terras británicas.
Ata a capital inglesa desprazáronse os deportistas Mateo e Brais, que competiron nas categorías júnior e cadete, respectivamente, asinando actuacións destacadas fronte a rivais de gran nivel.
Na xornada do sábado, Mateo conseguiu dous metais. No apartado individual, acadou unha medalla de bronce tras superar tres roldas e caer en semifinais ante o posterior campión do torneo. Ademais, logrou unha prata na modalidade por parellas xunto a Ainara, do club Escola de Taekwondo Rubén Hita de Granada, completando un gran papel a pesar de non poder preparar previamente esta competición de maneira conxunta.
Xa no domingo, Mateo puxo o broche á súa participación cun ouro na categoría de trío, formando equipo con Guillem e Alberto, nunha actuación que reforza a súa preparación de cara ao vindeiro campionato do mundo en Corea. En individual, quedou ás portas das medallas tras caer en oitavos de final despois de superar dúas roldas.
Pola súa banda, Brais estreouse no Open de Londres cunha medalla de bronce en categoría cadete individual, demostrando solvencia ao longo das diferentes eliminatorias. No domingo, tamén alcanzou os oitavos de final, quedando preto do podio nun combate marcado pola igualdade.
Desde o club valoran moi positivamente os resultados acadados en ambas competicións, destacando a progresión dos seus deportistas e o traballo continuo que están a desenvolver.