O actual tenente alcalde de Samos encabeza a candidatura do PSOE á Alcaldía co compromiso de "escoitar aos veciños"

SarriaXa
O actual tenente alcalde de Samos encabeza a candidatura do PSOE á Alcaldía co compromiso de "escoitar aos veciños"
PSOE Samos
PSOE Samos
15 Maio 2023

O PSOE presentou ao seu candidato á Alcaldía de Samos, José Antonio García Jurjo, nun acto no Hotel Restaurante A Veiga, no que estivo arroupado polo secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, xunto á deputada Ana Prieto e o deputado provincial e tenente de alcalde de Láncara, Pablo Rivera, entre outros responsables do partido, alcaldes, candidatos, militantes, simpatizantes, e veciños e veciñas de Samos e da comarca.

O alcaldable subliñou no acto que o seu compromiso “é escoitar a todos os veciños e veciñas para intentar resolver os seus problemas reais, gobernar para todos, sen favoritismos, e impulsar o gran potencial” do concello, “que é a gandería, o sector forestal e o turismo, apostando pola promoción do Camiño de Santiago”.

Pola súa parte, José Tomé ofreceu todo o seu “apoio e confianza” a José Antonio García, agradecéndolle que dese “un paso á fronte” e liderar unha candidatura “seria, responsable, con ideas, con proxectos e con valores”.

O secretario xeral dos socialistas na provincia amosouse convencido de que García “será un gran alcalde porque a súa traxectoria política é unha folla intachable de servizo á veciñanza, porque sabe gobernar, porque entende ós veciños e aténdeos a todos por igual, porque ten proxectos, e porque ten capacidade de sacalos adiante xunto ao seu equipo”.

O vindeiro 28 de maio, incidiu, “quedará atrás o esperpento deste tempo. Samos non é dunha familia, nin é un chiringuito de ninguén, é de todos os seus veciños e veciñas”. “Non se pode enganar á xente e traizoar aos teus compañeiros, ao teu propio equipo. Samos non merece isto e non vai consentir a burla que algúns quixeron facer do nome deste concello e dos valores das nosas siglas, daqueles que estamos na política para cambiar a vida dos veciños e veciñas, dos que sempre defendemos a democracia fronte ós caciques”, aseverou o líder socialista.

Propostas

O candidato do PSdeG destacou que, tras anos de experiencia na política municipal de Samos, dende o 2007 como concelleiro e dende o 2011 como tenente de alcalde, afronta agora “esta nova andaina cun grupo de xente disposta a traballar en equipo, honrada e capacitada para liderar o Concello nos vindeiros catro anos”.

Así, como propostas relevantes, Jurjo propón un plan de mellora e conservación das estradas municipais, a compra dun tractor para atender os servizos municipais, a limpeza de ríos e pontes por mor das enchentes, a desafección do colexio público de Lóuzara para que pase a disposición do Concello e así gañar dotacións, avanzar na eliminación do feísmo e axudas para a rehabilitación de fachadas e a promoción da cultura e do deporte en colaboración co tecido asociativo, e coa mellora e creación de novos equipamentos deportivos.

No ámbito do turismo, centrarase na creación de novas rutas de sendeirismo e un plan de conservación das existentes, impulsar feiras e eventos relacionados co Camiño de Santiago, poñer en valor o extenso patrocinio paisaxístico e natural de Samos e as súas construcións tradicionais, a promoción do roteiro ao poeta de Lóuzara e Fiz Vergara Vilariño, realizar unha campaña de promoción dos recursos hostaleiros do municipio, organizar cursos prácticos para este sector e ofrecer visitas guiadas ó Mosteiro.

Para o impulso do rural, plantexa o fomento da agricultura ecolóxica, xestionar con diferentes administracións a recuperación de soutos e a loita contra as enfermidades do castaño, así como a xestión de cursos formativos relacionados coas novas tecnoloxías para agricultores e gandeiros.

Todo isto quere conseguilo da man do seu equipo, formado por outras oito persoas, que son José Manuel Campo López, Lucía Marón Sánchez , Juan Luis López Díaz, María Paz Cela Sangil, José Alberto López Alvaredo, Cristina Veiga Montero, José Manuel Pombo Rodríguez e Juan Carlos Montero Fernández.

0.17503881454468