O alcalde de Láncara denuncia que Olga Capón utilizou un vehículo da Xunta para percorrer o municipio

SarriaXa
O alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, denunciou publicamente que a voceira do Partido Popular no municipio, Olga Capón, utilizou un vehículo da Xunta de Galicia, no que ía de acompañante, para percorrer o municipio e sacar fotografías dos puntos limpos da localidade, tratando de buscar algún tipo de motivo para criticar a xestión do Goberno local, e incluso denunciando a veciños do municipio.
29 Feb 2024

Uns feitos, subliñou Darío Piñeiro, “de extrema gravidade que non estamos dispostos a tolerar e que debe saber a veciñanza” porque se trata dun “uso totalmente irregular dos medios públicos da Administración autonómica, que son de todos e todas os cidadáns, para destinalos a fins partidistas, única e exclusivamente en beneficio do Partido Popular e para atacar a un Concello gobernado polo Partido Socialista”, subliñou Darío Piñeiro.

O rexedor denunciou tamén que a voceira do PP dirixiuse durante o traxecto a un traballador municipal para darlle ordes sobre o seu labor, algo que xa fixo noutras ocasións con outros operarios e mesmo empresas que traballan para o Concello, e que supón “unha clara usurpación de funcións” do propio rexedor.

Estas actitudes “caciquís e antidemocráticas” demostran “a soberbia e a sensación de impunidade” coa que actúan sempre os representantes do PP “porque cren que a Xunta de Galicia é súa, e que poden facer o que queiran cos seus cartos e recursos”.

Xunto a estes comportamentos, “cando menos irregulares e que o presidente da Xunta non debería consentir”, os socialistas pregúntanse se a voceira do Partido Popular, que leva tempo de baixa médica, pode facer este tipo de desprazamentos e funcións, e tamén todos os que fixo durante a campaña electoral, incluído presidir unha mesa electoral, onde tivo que permanecer 12 horas como mínimo. “Máis ben, cremos que debería denunciarse a si mesma”, aseguran.

0.15916705131531