O alumnado do IES Xograr Afonso Gómez agasalla ás persoas maiores de Sarria con poemas

O alumnado do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria preparou un agasallo moi especial para as persoas maiores da Residencia de Sarria, consistente en versos recollidos en pequenas caixiñas de Nadal.
A actividade comezou na biblioteca do instituto, onde os estudantes seleccionaron poemas de autores como Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra e Fiz Vergara Vilariño. A continuación, elaboráronse caixiñas reutilizando rolos de papel, un traballo creativo que tamén promoveu a sustentabilidade aplicando as 4 R: reducir, reutilizar, reciclar e recuperar.
A iniciativa rematou coa visita á Residencia para entregar os agasallos e compartir un momento de achegamento coas persoas maiores, ofrecendo unha experiencia práctica que permitiu aos alumnos comprender a importancia do acompañamento psicosocial na atención a este colectivo.
A actividade contou coa colaboración de Lois e Laura, que achegaron a poesía aos estudantes, así como da Residencia Nuestra Señora del Carmen, que acolleu aos alumnos con agarimo e disposición.