O alumnado do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria transformou a residencia de maiores

SarriaXa
O alumnado de Atención a Persoas en Situación de Dependencia desenvolveu unha actividade artística e inclusiva con persoas maiores a través da lectura e a manualidade
Arco-Literario-IES-Xograr-Afonso-Gómez-de-Sarria-na-residencia-de-maiores
25 Apr 2026

O alumnado do Ciclo Formativo de Grao Medio en Atención a Persoas en Situación de Dependencia celebrou o Día do Libro na Residencia Nosa Señora do Carmen de Sarria cunha actividade interxeracional na que a literatura e a creatividade se converteron no fío condutor dunha xornada centrada na inclusión e na sustentabilidade.

Durante a iniciativa, as páxinas dos libros deron paso a flores elaboradas de forma artesanal e as historias compartidas transformáronse en lembranzas entre xeracións. O obxectivo da proposta foi traballar aspectos como o apoio psicosocial e a inclusión, ao tempo que se reforzaban habilidades como a memoria e a motricidade fina nun contexto práctico e participativo.

O resultado final foi a creación dun chamado Arco Literario, unha instalación na que se mesturaron elementos naturais, flores feitas a man, lecturas recomendadas e recordos achegados polas persoas maiores participantes na actividade. Un espazo simbólico que uniu arte, literatura e emocións compartidas.

Desde o centro educativo destacaron o valor desta experiencia, que permitiu ao alumnado vivir unha aprendizaxe real fóra da aula e afondar no contacto directo coas persoas maiores. Agradeceron tamén á residencia a súa colaboración e apertura para facer posible esta actividade, enmarcada no proxecto XogrArte, que busca combinar creación artística, literatura e inclusión social.

0.10928893089294