O BNG de Lugo leva a Bruxelas as demandas dos concellos rurais

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
A alcaldesa de Samos, Chus López, encabezou unha delegación municipal que trasladou á eurodeputada Ana Miranda as necesidades do rural lucense en materia de vivenda, transporte, servizos públicos e financiamento europeo
BNG_Bruxelas-Europa
15 Oct 2026

Unha delegación de concelleiras e concelleiros do BNG de Lugo viaxou a Bruxelas para trasladar ás institucións europeas as principais necesidades dos municipios rurais da provincia. O grupo, encabezado pola alcaldesa de Samos, Chus López, mantivo un encontro coa eurodeputada galega Ana Miranda no marco das xornadas "Agricultura e Políticas de Cohesión Territorial: Dereito a Ficar na Terra, Vivenda, Transporte e Servizos Públicos".

Na reunión participaron tamén Iria Castro, concelleira en Castroverde e deputada provincial; Elvira Lombao, de Outeiro de Rei; Martín Gómez, de Becerreá; Ada Blanco, de Friol, e Tino Díaz, de Baleira.

Chus López destacou a importancia de levar estas demandas ás institucións comunitarias, xa que, segundo sinalou, "é o lugar onde se deciden moitas das políticas e dos financiamentos que afectan directamente aos concellos galegos". A alcaldesa lembrou que en Bruxelas se votou o acordo con Mercosur e se decide o reparto da Política Agraria Común (PAC), así como o destino de numerosas iniciativas relacionadas co desenvolvemento rural, a fixación de poboación e as infraestruturas.

A delegación trasladou a preocupación polos efectos do despoboamento e do envellecemento demográfico nos municipios máis pequenos e reclamou que as directrices europeas incorporen medidas específicas para responder a esta realidade.

A axenda inclúe tamén encontros de traballo co director xeral da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Ricard Ramon, para abordar as demandas do sector agrogandeiro galego e o futuro orzamento da PAC.

"Viñemos dar voz aos problemas reais da veciñanza, buscar financiamento para mellorar a calidade de vida dos nosos concellos e garantir que as institucións europeas axuden a fixar poboación e ofrecer un futuro digno no rural", concluíu Chus López.

0.15076088905334