O BNG de Samos traslada á eurodeputada Ana Miranda as necesidades do rural

GaliciaXa | SarriaXa
A alcaldesa Chus López defende medidas específicas para municipios de menos de 2.000 habitantes e alerta das dificultades para manter servizos básicos no interior galego
BNG-Samos-Ana-Miranda
9 May 2026

O BNG de Samos recibiu a visita da eurodeputada nacionalista Ana Miranda nun encontro de traballo coa alcaldesa do municipio, Chus López, co obxectivo de coñecer de primeira man o labor desenvolvido desde a Alcaldía do BNG e trasladar ás institucións europeas as principais problemáticas que afectan ao concello.

Durante a visita abordáronse distintas cuestións relacionadas coa realidade do rural galego e, especialmente, coa situación que viven os pequenos concellos do interior, marcados polo envellecemento da poboación, a perda de servizos e as dificultades para acceder a investimentos.

A alcaldesa de Samos puxo o foco na importancia de que Europa “escoite a realidade dos concellos rurais e teña en conta as necesidades específicas dos territorios con problemas demográficos”. Neste sentido, defendeu a necesidade de impulsar “fondos europeos específicos para vilas de menos de 2.000 habitantes que permitan garantir servizos públicos e fixar poboación”.

“Os pequenos concellos estamos asumindo enormes dificultades para manter servizos básicos e infraestruturas fundamentais. Precisamos máis apoio para cuestións tan importantes como o saneamento, a vivenda, a eficiencia enerxética ou os servizos sociais”, sinalou Chus López.

Outro dos asuntos centrais da xuntanza foi a situación do sector agrogandeiro e as consecuencias que pode ter o acordo entre a Unión Europea e Mercosur para as explotacións galegas.

A eurodeputada Ana Miranda advertiu de que “o acordo UE-Mercosur supón unha ameaza para o sector agrogandeiro galego, especialmente para os pequenos produtores e produtoras do rural, que non poden competir en igualdade de condicións con produtos elaborados sen as mesmas garantías sanitarias, laborais e ambientais”.

Miranda destacou ademais que “comarcas como Samos dependen en boa medida do sector primario e é fundamental que desde Europa se defendan políticas que protexan ás explotacións familiares e ao modelo produtivo galego”.

A representante nacionalista comprometeuse a trasladar estas demandas ás institucións europeas e reivindicou “un reparto máis xusto dos fondos europeos para que cheguen realmente ao rural e sirvan para mellorar a vida da veciñanza”.

Ambas representantes coincidiron tamén en reclamar máis ferramentas para que os concellos poidan acceder a financiamento europeo destinado á mellora de infraestruturas, á rehabilitación de vivenda, á modernización dos servizos públicos e á transición enerxética “sen deixar atrás aos territorios rurais”.

0.13501405715942