O BNG de Sarria critica a apertura tardía das piscinas municipais en plena onda de calor

O grupo municipal do BNG de Sarria denunciou que, a data do 22 de xuño e coincidindo cun episodio de altas temperaturas, o municipio volve chegar a estas datas sen ter en funcionamento as piscinas municipais, que non se abren ata despois das festas de San Xoán. Segundo critican, trátase dunha situación que se repite cada ano e que consideran allea á realidade climática actual.
Desde o BNG sinalan que os veráns comezan cada vez antes e se prolongan máis no tempo, mentres que a planificación do servizo segue baseada en criterios que consideran desactualizados, cunha apertura case a comezos de xullo e unha redución significativa dos horarios a partir do 1 de setembro.
Ante esta situación, o grupo nacionalista anunciou que presentará un rogo no pleno municipal para solicitar unha reorganización do calendario de apertura, unha maior adaptación ás necesidades da veciñanza e uns horarios máis acordes co período real de calor que se rexistra na zona.