O BNG de Sarria denuncia o abandono do río Sarria e reclama actuacións para recuperar o seu estado

SarriaXa
A formación nacionalista alerta da presenza de plantas invasoras, algas e elementos deteriorados e asegura que a veciñanza tamén amosa o seu malestar pola situación do sistema fluvial
estado-do-río-Sarria
28 Aug 2026

O BNG de Sarria denuncia o estado no que se atopa o río Sarria e reclama ás administracións implicadas que adopten medidas para recuperar e conservar este espazo natural. A formación nacionalista considera que o río "non pode seguir así" ante a situación de deterioro que, segundo sinala, presenta actualmente.

Entre os problemas que destaca o BNG atópanse o deterioro de presas e caneiros vinculados aos antigos muíños, a presenza de plantas invasoras e a acumulación de algas, que a formación considera que evidencian problemas no estado da auga. A isto súmase, segundo denuncia, unha sensación de abandono nun espazo que debería estar coidado, vivo e protexido.

O BNG defende que o río forma parte da identidade, da paisaxe e da vida diaria de Sarria, polo que considera necesario ir máis aló das declaracións e apostar por medidas concretas de mantemento, coordinación e conservación.

Neste sentido, a formación nacionalista responsabiliza do actual estado do río ao que cualifica de "desleixo" das administracións implicadas, sinalando directamente ao Concello de Sarria, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Xunta de Galicia. O BNG reclama unha actuación coordinada que permita recuperar o espazo fluvial e garantir o seu coidado.

Á denuncia política súmanse tamén as queixas trasladadas por veciños e veciñas de Sarria a través das redes sociais. Parte da cidadanía lembra que a vila está situada entre dous ríos, o Sarria e o Celeiro, e que ambos forman un sistema fluvial conectado, polo que consideran que o abandono afecta ao conxunto do espazo.

Nas reaccións da veciñanza tamén aparecen comparacións con outros municipios. "Tan bonito que está Monforte con seu malecón e Sarria dá pena e en pleno Camiño de Santiago, vergonzoso", sinala un dos comentarios.

O BNG considera que a recuperación e conservación do sistema fluvial debe ser unha prioridade e reivindica que Sarria tamén debe medirse polo coidado dos seus ríos, especialmente nunha vila atravesada polo Camiño de Santiago e cun importante patrimonio natural e paisaxístico.

Neste mesmo sentido, a plataforma social Mellora Sarria, nacida o pasado mes de novembro, anunciou como primeira proposta a necesidade de acometer unha "recuperación integral do río Sarria e da contorna de O Chanto". A plataforma considera este espazo un "símbolo comunitario" que, segundo denuncia, está hoxe convertido nun "lugar degradado", polo que reclama unha actuación que permita recuperar o seu valor ambiental, paisaxístico e social.

0.15474009513855