O BNG de Sarria reclama a cobertura estable da praza de Pediatría no centro de saúde

O BNG de Sarria vén de rexistrar unha moción para o seu debate no pleno municipal en defensa da sanidade pública e en apoio ás mobilizacións impulsadas polas familias da comarca para reclamar unha cobertura estable e de calidade do servizo de pediatría no centro de saúde de Sarria.
A formación nacionalista tamén anunciou que levará esta problemática ao Parlamento galego a través da deputada Olalla Rodil, mediante a presentación dunha iniciativa e dunha pregunta parlamentaria dirixidas a demandar solucións para garantir un servizo esencial como o de pediatría.
Desde o BNG denuncian que a atención primaria vive unha situación “lamentable” tanto no conxunto do país como especificamente en Sarria, onde aseguran que as queixas da veciñanza pola falta de profesionais sanitarios son continuas debido ás demoras para conseguir cita médica.
A formación considera especialmente grave a situación do servizo de pediatría. Actualmente, o centro de saúde sarrián conta con dúas prazas asignadas para atender á poboación menor de 15 anos, mais unha delas permanece vacante tras a xubilación da súa titular sen que fose cuberta de maneira estable.
Segundo explican, esta situación está levando “ao límite” á única pediatra que permanece no servizo, obrigada a asumir a atención das crianzas de Sarria e tamén doutros concellos da contorna como Láncara, A Pobra de San Xiao, O Páramo, O Incio, Paradela, Samos e Triacastela. O BNG lembra ademais que, segundo os datos do IGE, na comarca de Sarria residen 2.080 menores de entre 0 e 14 anos.
A formación advirte de que esta sobrecarga está a provocar listas de espera superiores aos quince días e mesmo dun mes nalgúns casos, así como derivacións ás urxencias pediátricas do Hospital Universitario Lucus Augusti e un incremento das consultas en clínicas privadas.
As familias da comarca iniciaron xa unha recollida de sinaturas e diferentes mobilizacións para reclamar a cobertura permanente da praza vacante e garantir unha atención sanitaria pública, próxima e continuada para as crianzas.
O portavoz municipal do BNG en Sarria, Efrén Castro, asegurou que a formación comparte plenamente as reclamacións das familias. “Non podemos permitir que un servizo tan esencial como o de pediatría estea constantemente desatendido. É moi grave que as familias teñan que acudir á medicina privada para velar pola saúde das nosas crianzas”, afirmou.
Castro concluíu reclamando que “Sarria merece un servizo público de pediatría estable e de calidade”.