O BNG de Sarria reclamará no pleno municipal e no Congreso a demanda de solo industrial a prezo de mercado

SarriaXa
Os nacionalistas advirten de que a falta de parcelas dispoñibles está freando investimentos e reclaman a urbanización da segunda fase do polígono de Morelle
Efrén-Castro,-BNG-Sarria
1 Jul 2026

O BNG de Sarria anunciou que levará ao vindeiro pleno municipal unha moción para reclamar ao Goberno do Estado a disposición de solo industrial a prezos de mercado para o municipio e, ao mesmo tempo, esixir avances na urbanización da segunda fase do polígono de Morelle. Paralelamente, a formación tamén trasladou esta demanda ao Parlamento español a través de iniciativas rexistradas polo deputado nacionalista Néstor Rego.

Desde a formación nacionalista consideran que a carencia de solo industrial é un dos problemas estruturais máis importantes que arrastra Sarria desde hai anos. Sinalan que a falta de desenvolvemento da segunda fase do polígono de Morelle mantén unha situación enquistada que, segundo afirman, está dificultando a chegada de novos investimentos e impedindo que empresas interesadas poidan instalarse ou ampliar a súa actividade no municipio.

O BNG lembra que durante décadas se sucederon distintos anuncios e compromisos sobre esta actuación. Entre eles, destaca o realizado no ano 2019, cando o alcalde comunicou que se iniciaría a urbanización da segunda fase do polígono e que a entidade estatal encargada do proxecto daría a coñecer as condicións para a comercialización das parcelas. Nese momento tamén se apuntaba que os traballos comezarían unha vez que o 30 % do solo estivese comprometido.

Posteriormente, en 2020, o delegado do Goberno ratificou o compromiso do Executivo estatal, anunciando un investimento de 8,6 millóns de euros destinado á urbanización de 238.000 metros cadrados de solo industrial.

Con todo, segundo expón o BNG, no ano 2021 chegaron as dificultades ao facerse públicas as condicións de comercialización das parcelas. A formación asegura que se estableceu un prezo de 70 euros por metro cadrado e que, ademais, se condicionou o inicio das obras á reserva previa do 50% do solo dispoñible por parte das empresas interesadas.

Os nacionalistas consideran que esta proposta non resultou viable e atribúen o seu fracaso a un prezo que cualifican de moi superior ao mercado. Neste sentido, apuntan que o custo medio do solo industrial en Galicia sitúase nos 53 euros por metro cadrado e poñen como exemplo casos como o de Carballo, onde aseguran que se ofrece a 33 euros por metro cadrado.

A moción que levarán ao pleno solicitará ao Goberno do Estado que facilite solo industrial a prezos adaptados ao mercado e reclamará ao alcalde que impulse e lidere as reivindicacións para conseguir a urbanización da segunda fase do polígono de Morelle.

Ademais, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias preguntas dirixidas ao Executivo estatal para coñecer os plans previstos respecto ao futuro do solo industrial de Sarria.

O portavoz municipal do BNG, Efrén Castro, advertiu de que "non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres vemos como proxectos que querían establecerse en Sarria teñen que marchar para outros concellos". Tamén defendeu que a necesidade de solo industrial no municipio é "incuestionable", aínda que considerou que a situación actual resulta pouco competitiva se os prezos ofertados superan amplamente os doutros parques empresariais.

Castro concluíu reclamando ao Goberno estatal que cumpra cos compromisos adquiridos e criticou a falta de avances na materia. Ademais, pediu ao alcalde que adopte un papel máis activo na defensa desta demanda e que lidere as peticións para conseguir solo industrial a prezos que considerou razoables.

0.11353397369385