O BNG pide que se lle fagan adiantos nos pagos da PAC ás explotacións de ovino e cabrún

SarriaXa
O sector ovino e cabrún, din, "debe ser incluído nestes adiantos, pois para o noso país estes sectores son importantes para manter os montes limpos e para evitar incendios”
BNG-explotación-de-cabrún-e-ovino-en-Samos
27 Nov 2024

A deputada autonómica do BNG, Montse Valcárcel, acompañada polo tamén deputado autonómico, Nino Fernández, e a alcaldesa de Samos, Chus López, visitaron unha explotación de cabrún e ovino en Samos.

Desde o BNG informan de que as axudas da PAC están financiadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga) e o Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e, logo da resolución de axudas presentadas, as comunidades autónomas poder realizar o pagamento anticipado entre o 16 de outubro e o 30 de novembro. E, segundo a normativa UE, este adianto da PAC pode chegar ao 70 % do total das axudas.

Porén, a Xunta de Galicia anunciou que fará un pagamento adiantado do 26 %, "non sendo capaz de chegar ao que a UE lle permite" e ademais só aos de gando vacún; "esquecendo facer adianto a sectores que teñen a PAC e que tamén necesitan estas axudas para as súas explotacións, como pode ser o sector ovino e o cabrún”, explica o deputado nacionalista.

O sector ovino e cabrún, din, "debe ser incluído nestes adiantos, pois para o noso país estes sectores son importantes para manter os montes limpos e para evitar incendios”, continúa explicando Nino. "Teñen tamén unha grande importancia para que non medre máis o abandono de terras agrarias, polo que a administración debería ser a primeira interesada en que estes sectores teñan apoio e poidan levar adiante a súas actividades".

Con todo, conclúen que "dende o BNG amosamos unha vez máis o noso rexeitamento a esta actitude da Xunta de Galicia de abandono das explotacións ás que non se lles abone en prazo as súas axudas. Unha actitude que impide que poidan acceder aos seus cartos, a diferenza doutras comunidades, que si poñen á súa disposición o diñeiro das axudas que a UE lles permite”, concluíu Fernández.

0.1535758972168