O BNG reclama prezos máis baixos para o solo da ampliación do polígono de Morelle para atraer empresas a Sarria

A candidata do BNG ao Congreso, Olalla Rodil, reclamou unha rectificación na política de comercialización da segunda fase do polígono industrial de Morelle, en Sarria, para establecer prezos do solo máis atractivos que faciliten a implantación de empresas. Rodil, que visitou este espazo xunto co vicepresidente da Deputación e concelleiro nacionalista en Sarria, Efrén Castro, defendeu que a ampliación debe servir para impulsar o desenvolvemento económico da comarca e favorecer a creación de emprego.
A candidata afirmou que, a partir do 29N, o BNG traballará para "mellorar o sector industrial de Galiza e conseguir un ecosistema propio que reduza a nosa dependencia funcional". Neste sentido, criticou os prezos fixados pola sociedade pública Casa47, ao considerar que actúa como unha promotora privada e que as condicións de comercialización están a afastar as empresas. "Non pode actuar como promotora privada, fixando uns prezos que afastan ás empresas e impiden precisamente cumprir o obxectivo para o que foi creada: impulsar o desenvolvemento económico e facilitar a creación de emprego", sinalou.
O BNG sostén que Sarria conta con demanda de solo industrial, pero que a política de prezos aplicada polo Estado está a dificultar os investimentos e provocando que empresas da comarca se trasladen a outros concellos onde atopan condicións máis favorables. Rodil insistiu en que a adquisición de parcelas non debe converterse nunha traba para o desenvolvemento industrial e defendeu que unha entidade pública debe facilitar a implantación de empresas, dinamizar a economía e contribuír á creación de emprego, en lugar de priorizar a recadación.
A formación nacionalista lembrou que a ampliación de Morelle acumula máis de dúas décadas de atrasos e promesas incumpridas. Ademais, apuntou que empresas sarriás dos sectores cárnico, da madeira, das molduras, dos sistemas de seguridade e do transporte levan anos agardando por esta infraestrutura. Ante a falta dunha solución, segundo o BNG, algunhas están optando por instalarse noutros municipios con solo industrial máis competitivo.
Rodil tamén lembrou que o BNG rexistrou na pasada lexislatura varias iniciativas para reclamar cambios nesta cuestión e asegurou que a formación continuará traballando no Congreso a partir do 29N para que os problemas da provincia de Lugo teñan presenza na Cámara.