O Buril de Sarria aposta polo rock para arrancar o 2026 cun concerto en directo

O Buril de Sarria organizará o vindeiro sábado 24 de xaneiro un evento de música rock co que pretende dar a benvida ao 2026 cunha potente proposta en directo. A cita terá lugar nas instalacións do Buril de Sarria e reunirá dúas bandas con estilos contundentes e unha sólida traxectoria sobre os escenarios.
Mind Traveller fará en Sarria a segunda parada dun intenso fin de semana de concertos, despois do seu paso pola Coruña, continuando así coa presentación dos seus novos temas e do renovado son que están a amosar nesta etapa. Xunto a eles actuará Cabodano, grupo de metal galego que volverá demostrar a súa crudeza e solvencia musical nun directo cargado de forza.
O evento contará coa fórmula de entrada inversa, un sistema no que o público decide canto achegar economicamente ás bandas, apostando así por un modelo de apoio directo á música en vivo e aos artistas participantes.