O campo da Ribela de Sarria estrea un novo videomarcador coa colaboración da Deputación de Lugo

SarriaXa
A Vicepresidencia da institución provincial achegou 40.000 euros para financiar o equipamento, que conta cunha pantalla LED e un sistema multimedia
novo-videomarcador-SD-Sarriana
1 Oct 2026

O campo de fútbol da Ribela, en Sarria, dispón desde esta semana dun novo videomarcador financiado coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que destinou 40.000 euros á súa adquisición mediante un convenio co Concello, titular das instalacións.

O equipamento estreouse este xoves durante un adestramento da Sarriana e incorpora unha pantalla LED, un ordenador de control e un software multimedia adaptado ás esixencias técnicas e regulamentarias das competicións federadas.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, visitou o campo acompañado polo alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e o concelleiro de Deportes, Félix Seijas, para coñecer o funcionamento do novo sistema. Durante a visita, destacou a importancia da instalación tanto no ámbito deportivo como no social.

"O novo equipamento dá pulo ao campo da Ribela, que é unha das instalacións deportivas de referencia en Sarria pola dimensión deportiva e social da Sarriana", sinalou Castro.

A colaboración entre a Vicepresidencia da Deputación e o Concello de Sarria esténdese tamén ás instalacións deportivas exteriores do Chanto, onde está prevista unha actuación de mellora cun investimento provincial de 273.000 euros.

O proxecto contempla a renovación do pavimento das pistas de fútbol, tenis e pádel, así como do mobiliario urbano da contorna, co obxectivo de mellorar as condicións de uso deste espazo deportivo.

0.15001678466797