O candidato á Alcaldía de Samos polo PP, Miguel Gallego, foi presentado nun acto

SarriaXa
O candidato á Alcaldía de Samos polo PP, Miguel Gallego, foi presentado nun acto no que participaron arredor de 200 persoas
Pp Samos
14 Mar 2023

O candidato para as eleccións de maio polo PP en Samos foi presentado nun acto no que Francisco Conde, Javier Vázquez Nodal e José Manuel Balseiro arrouparon a Miguel Gallego xunto a outras 200 persoas entre alcaldes, representantes do PP, afiliados e veciños de Samos.

Miguel Gallego Saavedra sinalou como folla de ruta do proxecto do PP que encabeza en Samos a de “traballar por aquilo que é posible facer e que xera benestar ao noso pobo”.

O alcaldable popular sinalou que “somos xente nova pero seria, ilusionados e coñecedores da responsabilidade que conleva representar a un partido tan grande como é o PP. E estamos dispostos a traballar para conseguir a maioría e acadar a alcaldía de Samos” porque “unha mestura de partidos que non se poñan de acordo en nada, non podería facer nada bo polo pobo”.

As propostas do Partido Popular “serán cribles” e realizables e dirixidas a “mellorar e revitalizar o noso concello”.

Miguel Gallego ten claro que “imos defender o noso rural, a forma de vida dos gandeiros que manteñen en boas condicións o noso patrimonio natural” e que sofren as consecuencias das políticas impostas dende Madrid por “alguén que nunca unha vaca viu nin coñece para nada o sistema de vida da nosa Comunidade”.

Nomeou, por exemplo, a protección do lobo e sinalou que “hai que protexer o noso sustento. As nosas vacas son animais a protexer”. Así, continuou, “todo son atrancos para as persoas que queren vivir e quedar nas nosas aldeas”. Advirte que, deste xeito, “non se pode fixar poboación”.

O popular sinalou que “o parque eólico xeraría traballo e riqueza para a nosa xente” e por iso lamentou que haxa movementos que se opoñan a este tipo de iniciativas e que xurdan, ademais, “de persoas de fóra que din interesarse polo noso benestar”.

Miguel Gallego amosouse partidario de darlle vida ao pobo para revitalizar os negocios. Así mesmo, avogou por “dar visibilidade ao noso sector hostaleiro” a través dunha “boa sinalización e promoción nas redes do ben que se come en Samos”.

Tamén sinalou que “debemos conseguir unha nova residencia de maiores como teñen outros concellos de arredor porque os nosos veciños tamén teñen o dereito a residir e ser coidados na súa zona sen ter que desprazarse”.

Miguel Gallego recoñeceu que “temos un gran reto por diante”. E convida aos simpatizantes a “seguir unidos, todos a unha, polo noso camiño de cara a conseguir unha ampla maioría para poder gobernar o Concello libre de ataduras, problemas e liortas”.

0.14709401130676