O CB Breogán visibiliza a diversidade funcional infantil nun partido solidario no Pazo

O CB Breogán dedicará o partido do vindeiro sábado, 28 de marzo, ás 18.00 horas, fronte ao Manresa, a dar visibilidade e recoñecer o traballo da Plataforma pola Diversidade Funcional Infantil da Comarca de Sarria, unha entidade impulsada por familias de nenos e nenas con diversidade funcional.
A iniciativa foi presentada polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e polo director xeral do club, Salva Arco, xunto con Noelia Gómez, membro da directiva da entidade. A plataforma centra a súa actividade en tres ámbitos principais: o asesoramento ás familias, a promoción da accesibilidade en espazos públicos e a sensibilización arredor da discapacidade infantil mediante actividades culturais e lúdicas.
Durante o acto, Noelia Gómez puxo en valor a relevancia de contar con “espazos de sensibilización como o que ofrece” este encontro deportivo e animou á afección a apoiar propostas que impulsen unha inclusión real das persoas con discapacidade e diversidade funcional. Neste sentido, destacou o papel da Fundación Breogán, que a través de proxectos como Arcos ou Persoas desenvolve, segundo indicou, unha labor efectiva de inclusión.
Pola súa banda, Salva Arco amosou a satisfacción do club por contribuír a dar visibilidade a entidades que melloran a sociedade e subliñou o papel do deporte como ferramenta para transmitir valores e favorecer a integración. Ademais, incidiu na necesidade de que todas as entidades que organizan actividades para a infancia se impliquen na creación de condicións que permitan unha inclusión real.
Efrén Castro destacou tamén a importancia do deporte no avance cara a unha sociedade máis inclusiva, especialmente polo seu peso no tempo de lecer das crianzas, e subliñou a necesidade de manter unha escoita activa e unha colaboración constante con colectivos como Diversa Sarria para seguir avanzando neste ámbito.
No marco desta acción, o CB Breogán difundirá a través das súas redes sociais e nos espazos publicitarios do Pazo a actividade da plataforma. A iniciativa forma parte do acordo de patrocinio entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o club, que inclúe tamén accións de sensibilización social, promoción do deporte e hábitos saudables, así como a posta en valor do patrimonio cultural e ambiental da provincia.