O CEIP de Samos renova os seus espazos para recibir o novo curso escolar

SarriaXa
A ANPA do centro iniciou a renovación e decoración das entradas con plantas vivas e destaca as numerosas melloras realizadas durante o verán coa colaboración do Concello de Samos
melloras-no-CEIP-Samos-vexetación
8 Sep 2026

O CEIP de Samos prepara o inicio do novo curso escolar cunha renovación de diferentes espazos do centro. Durante as vacacións de verán leváronse a cabo diversas actuacións de mellora e acondicionamento co obxectivo de ofrecer ao alumnado un colexio máis coidado e acolledor.

Entre os traballos realizados durante os meses de verán atópase o pintado da cociña, da sala de profesores, da entrada do centro e dos pasillos. Ademais, tamén se actuou no exterior do edificio, onde se pintou a fachada do colexio e o porche.

A estas actuacións súmase agora a renovación e decoración das entradas con plantas vivas, que achegan un toque máis natural e acolledor aos accesos ao centro. Esta mellora foi posible grazas á colaboración do Concello de Samos, ao que a ANPA do CEIP Samos agradece o seu apoio.

Desde a asociación destacan o cambio experimentado polo colexio tras as diferentes actuacións realizadas durante o verán. "A verdade é que parece outro cole e seguro que aos nosos alumnos/as lles gusta", sinalan.

Un colexio renovado para a volta ás aulas

As melloras forman parte da preparación do CEIP de Samos para o novo curso escolar, nunha actuación que busca renovar progresivamente diferentes zonas do centro.

Desde a ANPA aseguran que están "desexando comezar as clases e que os nosos nenos/as vexan todos os cambios que hai". Ademais, adiantan que as actuacións non remataron e que aínda quedan novos detalles e sorpresas que se irán coñecendo pouco a pouco.

O obxectivo é que o alumnado regrese ás aulas e atope un colexio renovado, coidado e máis acolledor, preparado para afrontar o novo curso con ilusión.

0.13164019584656