O CEIP Eduardo Cela Vila renovará dúas aulas para crear espazos educativos máis acolledores e funcionais

O CEIP Eduardo Cela Vila estreará o próximo curso dúas aulas completamente renovadas como parte da súa aposta por transformar os espazos educativos en contornas que favorezan a aprendizaxe, o benestar e os coidados.
A actuación inclúe a renovación integral das aulas, con paredes lisas e en tons neutros para crear un ambiente máis tranquilo e propicio para a concentración, así como a instalación de chan de tarima de madeira, co obxectivo de achegar maior calidez e sensación de amplitude aos espazos.
Desde o centro destacan que os espazos tamén forman parte do proceso educativo, xa que contribúen a transmitir sensacións, favorecer a convivencia e converterse en lugares de acollida, descanso e aprendizaxe. Nesta liña, sinalan que diferentes investigacións identifican a contorna física como un dos axentes con maior influencia no ensino.
As novas aulas están á espera da incorporación do mobiliario renovado, que completará a transformación antes do inicio do curso escolar. O obxectivo é ofrecer un ambiente máis adaptado ás necesidades do alumnado e favorecer novas experiencias educativas cos nenos e nenas como protagonistas.