O centro de saúde do Páramo foi o protagonista da concentración convocada polo BNG en favor da sanidade

SarriaXa

Decenas de persoas concentráronse esta mañá diante do centro de saúde do Páramo nunha manifestación convocada polo Bloque Nacionalista Galego de O Páramo con motivo da "continua falta de persoal facultativo que impide a correcta atención primaria da veciñanza", tal e como anunciou a portavoz do grupo político, Marta Porteiro.

concentracion BNG centro de saude O Paramo
concentracion BNG centro de saude O Paramo
26 oct 2023

Decenas de persoas concentráronse esta mañá diante do centro de saúde do Páramo nunha manifestación convocada polo Bloque Nacionalista Galego de O Páramo con motivo da "continua falta de persoal facultativo que impide a correcta atención primaria da veciñanza", tal e como anunciou a portavoz do grupo político, Marta Porteiro.

“A veciñanza de O Páramo está farta de que nos quiten servizos e farta de non saber nunca se imos ter facultativos que nos atendan”, explicou a nacionalista. "O Páramo ten unha poboación de 1300 habitantes na que a maioría da poboación está moi envellecida e que, polo tanto, precisa de atención médica continua".

Segundo Marta Porteiro, “entre baixas médicas e vacacións case non quedan facultativos, e as persoas máis maiores nunca saben o que van atopar ao chegar ao seu centro”. Nesta situación, tan só pasa consulta un profesional catro horas ao día, pero nunca se sabe con exactitude o horario no que vai a estar no centro nin os días.

Así, indicou a portavoz, “resulta imposible que o persoal sanitario poida atender a demanda de pacientes que ten o centro, e estanse a producir cambios de citas que acaban indo a urxencias co risco de saturación que isto pode orixinar”, denunciou Porteiro.

“No día de onte, 25 de outubro, en ningún momento fomos avisados de que non había ningún médico, e hoxe temos dous, tamén sen previo aviso á veciñanza. Todo isto pasa despois de que o Sr. Alcalde saíra na prensa anunciando que tiña un acordo co Sergas para ter facultativos todos os días. Isto o único que demostra é a falla de respecto que a Xunta de Galiza ten pola veciñanza de O Páramo”, explicou Marta Porteiro.

“A atención primaria é a columna vertebral da sanidade pública, e non podemos deixar que nos sigan a recortar este servizo, así que seguiremos a loitar entre todos para que nos restablezan o servizo que debemos ter en O Páramo” concluíu Marta Porteiro.