O Club de Pesca Río Neira reclama que o segundo tramo do couto de Láncara pase a ser de pesca sen morte

SarriaXa
O club considera que estender este réxime ao segundo tramo de Láncara permitiría aumentar a supervivencia dos exemplares reprodutores e favorecer a recuperación da poboación
pesca-rio-Neira
19 Oct 2026

O Club de Pesca Río Neira de Láncara volve reclamar que o segundo tramo do couto de pesca de Láncara, actualmente sometido a un réxime de pesca con morte, pase a ser un tramo de pesca sen morte e se integre no primeiro. A entidade defende esta modificación a partir dunha análise de datos sobre a presión pesqueira, a abundancia de troitas, a mortalidade e a estrutura da poboación.

Segundo explica o club, os seus socios levan solicitando esta medida nas asembleas xerais desde a creación da entidade. Ante a falta de datos que, segundo sinalan, lles foron facilitados pola Xefatura Territorial de Medio Ambiente de Lugo, decidiron recompilar información propia e oficial durante 2026 para avaliar a situación do río Neira.

O traballo incluíu 178 enquisas realizadas aos socios mediante unha aplicación informática para rexistrar as xornadas de pesca nos coutos de Valdriz, Láncara 1 e Láncara 2 ata o 15 de setembro. A análise completouse con datos de mostraxes de troita no río Neira realizadas en 2021 e 2022, así como cos resultados de campionatos celebrados en coutos conveniados coa Administración.

A partir desta información, a entidade asegura que os indicadores de esforzo pesqueiro, expresados en capturas por hora, e os datos de mortalidade, biomasa e estrutura poboacional apuntan a unha maior abundancia de troitas nos tramos de pesca sen morte.

O club considera que estender este réxime ao segundo tramo de Láncara permitiría aumentar a supervivencia dos exemplares reprodutores e favorecer a recuperación da poboación. Ademais, defende que esta alternativa se axusta aos resultados que manexa e constitúe a opción máis prudente para garantir a sustentabilidade do couto a medio e longo prazo.

A entidade tamén contempla unha segunda posibilidade: modificar o réxime de explotación actual sen establecer necesariamente a pesca sen morte. Porén, considera que esta alternativa achegaría melloras insuficientes para reverter a tendencia que observa na poboación de troitas.

En cambio, o Club de Pesca Río Neira advirte de que manter as condicións actuais podería ter consecuencias graves a curto prazo. A entidade cualifica ese escenario de "catástrofe para a poboación truiteira a curto prazo" e considérano "inviable desde o punto de vista biolóxico e de xestión", ao entender que aceleraría a degradación da poboación.

Por estes motivos, o club insiste en que o segundo tramo do couto de Láncara sexa declarado de pesca sen morte e quede integrado no primeiro, co obxectivo de favorecer a conservación das troitas e a sustentabilidade do río Neira.

0.18631482124329